martes, 28 de abril de 2015

O fondo editorial da Xunta ábrese á cidadanía a través da Rede

O conselleiro de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, presentaron a Libraría Institucional de Galicia, unha plataforma virtual na que por primeira vez a Administración autonómica concentra todo o seu fondo editorial e pono á disposición do conxunto da cidadanía e das librarías. Cultura e Educación é a encargada da xestión da Biblioteca mentres que a AMTEGA puxo en marcha a plataforma dixital e o Cixtec (dependente de Facenda) pon a disposición a súa plataforma de pagamento en liña.
Pola súa banda Mar Pereira, destacou que libraria.xunta.gal é a primeira canle de comercio en liña da Administración autonómica e que é unha das pezas da estratexia global da Xunta para a dixitalización, catalogación, promoción e difusión do contido e patrimonio cultural galego. Tamén lembrou outras medidas neste ámbito como a entrada en funcionamento o pasado ano da plataforma de lectura electrónica GaliciaLe, con máis de 1.700 títulos dispoñibles, ou a publicación dos novos portais de Cultura de Museos de Galicia. Pereira salientou que a libraría leva o “apelido galego .gal”, o dominio que identifica os contidos galego na Rede.
A directora da AMTEGA avanzou que, entre os obxectivos desta estratexia de difusión do patrimonio cultural, está o de que Galicia conte cun único sistema de xestión para todas as bibliotecas da Comunidade e un catálogo único que nos permita acceder en liña a todos os fondos bibliográficos da nosa rede de bibliotecas.
A Libraría Institucional funciona a través dunha plataforma electrónica a través da cal, todos os cidadáns e librarías -independentemente de onde se atopen- teñen acceso aos seus contidos e servizos. Así mesmo, a través desta plataforma centralízase a distribución e comercialización do seu fondo editorial tanto en formato físico coma electrónico, tanto venal coma non venal. Por tanto, será de xestión directa do persoal da administración e non a través de distribuidoras externas. Esta tamén será a nova canle para que as librarías e outros puntos de venda adquiran as publicacións da Xunta de Galicia. Ás publicacións gratuítas tan só se aplicarán gastos de transporte en caso de que se solicite o seu envío físico, e as publicacións venais (de pago) manterán o seu PVP.
As persoas interesadas nunha publicación venal (libro, folleto, revista,…) poderán realizar o pagamento a través da propia páxina web ou mediante transferencia bancaria. En canto a plataforma lle confirme a corrección do pagamento ao usuario/a, este poderá descargar a publicación ou seralle remitida ao seu domicilio. O prezo final dunha publicación está constituído polo prezo da publicación (só no caso de que sexa venal), e os gastos de distribución e transporte (se está en formato físico).
A día de hoxe, no catálogo xa están cargadas preto de 750 publicacións posteriores ao ano 2010 e ata actualidade. Porén, está previsto ir incorporando á plataforma todas as publicacións anteriores a 2010 das que existan exemplares para a súa distribución.

Ningún comentario:

Publicar un comentario