A través dos medios de comunicación observei o furacán ocasionado
polas conversacións de WhatsApp mantidas entre algúns dos mestres do
colexio público de Casarrubuelos. Non xulgarei aquí o contido destas,
pero pido prudencia á hora de estender as opinións sobre estes mestres
ao resto dos que pertencemos á profesión.
Sexamos xustos: ás veces zorrégannos e menosprezan
indiscriminadamente. Calquera suceso extraordinario (como o referido)
nos converte en profesionais, se cabe, aínda máis vulnerables. Porque
somos profesionais, non o dubiden. O erro (ou acerto) está en que, ao
practicar a pedagoxía, no noso afán por ser entendidos por todos, non
falamos ás familias da zona de desenvolvemento próximo, as reaccións
circulares terciarias ou a etapa logográfica no proceso de lectura dos
seus fillos (sorpréndense?, non só os enxeñeiros, avogados e demais
estudan nunha facultade), senón que traducimos as nosas conclusións en
termos de hábitos, necesidades e técnicas que poidan axudar aos seus
fillos. Porque nos preocupan os nosos alumnos, non o dubiden. Porque se
vostedes están a ler, comprendendo, mostrando o seu acordo ou desacordo
comigo é grazas, en boa medida, aos seus mestres. Non o esquezan.
Maestro non é calquera.
Celia González Arteaga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario