O neofalantismo xurdiu, principalmente, nos anos oitenta e hoxe é xa unha variante e unha opción lingüística emerxente que, ás veces, entra en conflito co falante tradicional. E cun galego que corre moitos riscos, o futuro da lingua ten que contar cos neofalantes. Iso é o que opina nesta entrevista o profesor da Universidade de Vigo e especialista neste eido, Fernando Ramallo.
Fernando Ramallo é, probablemente, o maior especialista galego en
neofalantes. É profesor de Lingüistica na Universidade de Vigo e
investigador en sociolingüistica, políticas lingüisticas e discursos
analíticos e métodos de investigación lingüística. É membro do Comité de
Expertos do Consello de Europa que se encarga de velar pola Carta
Europea das Linguas Minoritarias.
Esta semana coordina en Vigo varias sesións de traballo e mesas
redondas sobre o “Neofalante nunha Europa multilingüe: oportunidades e
desafíos”, na que participan preto de 55 expertos europeos.
Cal é o obxectivo desta xuntanza?
Somos unha rede europea que financia a UE a través do proxecto COST.
Trátase de crear redes que traballen durante anos para identificar
problemas, temáticas relevantes da investigación en Europa, de todas os
campos. O obxectivo desta rede, que se reúne dúas-tres veces ao ano, é
poñer sobre a mesa os traballos dos seis 'working groups'. Estes días
en Vigo analizaremos os avances de cada grupo. Non é un congreso, aínda
que como organizador local que son pois organicei dúas mesas redondas,
unhz sobre neosignantes e outra sobre neofalantes en Galicia.
Entón, cales son os fins desta rede?
Uns máis académicos e teñen que ver coas linguas minoritarias,
inmigrantes e traballadores transnacionais. Tratamos de identificar
temáticas relevantes sobre estas tres perspectivas. Por iso, cando
falamos de nefofalante falamos de cousas moi diferentes porque non é un
mesmo un neofalante en Galicia que un en Euskadi. E nisto hai moitas
posicións complementarias sobre o que entendemos por neofalante dentro
da propia rede. A outra finalidade é levar a cabo unha análise
comparativa de perfil de neofalantes tanto dentro das tres perspectivas
anteriores como entre elas para tratar de identificar temáticas e marcos
teóricos comúns. E logo, pois tamén producir publicacións e promover
proxectos de investigación.
Falemos do fenómeno dos neofalantes, agora tan en auxe. Que supón en Galicia como materia de estudo?
Pois traballar cun perfil en si moi complexo e localizado en espazos
urbanos. É moi diverso porque hai moita xente que leva sendo moitos anos
neofalante e outros, desde hai pouco. E hai perfís; os que abandonan
radicalmente o español e os que o seguen usando. E hai unha posición de
cambio e crítica coa política lingüística. E falo dunha posición
histórica. Asumen un rol de defensores da lingua. Por outro lado hai
unha diversidade no dominio das competencias lingüísticas. Uns coidan
moito a lingua e outros pois son máis despreocupados pero no fondo, a
medida que a conversión se consolida e xa se consideran neofalantes
plenos, pois hai un coidado máis da lingua. E non se pode dicir que
todos os neofalantes son castelanizantes. Hai de todo. Hai xente que se
esmera moito e coida moito a lingua porque toma unha posición consciente
da situación do galego. E isto nos pasou a todos os neofalantes que
comezamos cun galego pésimo e logo pois nos esmeramos. Pero a sociedade é
complexa e o neofalantismo pois tamén. Hai perfís moi diferentes.
E fóra, como se ve este fenómeno noutros lugares?
A peculiaridade galega só se dá aquí. En Cataluña, por exemplo é
diferente. Aquí a inmigración é escasa e o neofalante é galego. Unha
persoa que decide abandonar o español como lingua principal e colle o
galego. Este abandono do español é estraño para unha persoa de fóra e
non se entende moi ben. E agora é moi habitual que unha persoa fale en
español e outro en galego e non hai problema e isto hai vinte ou trinta
anos non pasaba porque era o galego o que se tiña que acomodar ao
español. E agora dous falantes poden comunicarse e ser monolingües en
español e en galego sen distorsión lingüística. Tamén hai outros perfís
de neofalantes, relacionados con ámbitos concretos.... o que o fala coa
familia, no traballo ou cos amigos. Isto son usos selectivos da lingua.
En todo caso, hai unha diferencias entre os falantes, digamos
tradicionais, e os neofalantes. Supón isto unha perda de identidade?
Somos conscientes de que o galego tradicional está en decadencia xa que
a transmisión interxeneracional debilitouse moito nas últimas décadas e
xa supera os 100 anos. Pero acentuouse nas últimas épocas. Pero hai que
distinguir. Os falantes tradicionais manteñen unha tensión coas
variedades dos neofalantes. Dinnos que falamos como os da tele e teñen
logo pouco aprecio polas súas propias variantes. E o neofalante tamén
ten os seus propios conflitos internos porque non entenden ese
rexeitamento e tamén porque están permanentemente buscando o seu espazo.
Hai un problema de lexitimación, de recoñecemento social e que as
políticas lingüísticas apenas tiveron en conta aos neofalantes e, por
iso, é un esforzo da propia persoa por abandonar o español e pasarse ao
galego. O neofalantismo xorde nos oitenta e é xa unha variante
emerxente. Así que veremos a súa evolución e como axuda a manter o
galego do futuro porque a transmisión do galego tamén se está perdendo. O
futuro da lingua ten que contar cos neofalantes. Non se pode pensar o
futuro do galego sen os neofalantes, aínda que é certo de que hai
certos temores elitistas, desde certos organismos académicos, que falan
de que se trata dun galego deturpado. Pero se somos moi esixentes pois
igual podemos provocar reparos aos que ven no neofalantismo unha forma
de defender a nosa lingua e a nosa cultura.
Antes aludías ao plurilingüismo. Cres que o decreto do Pluriliongüismo aprobado polo Goberno Feijóo afecta tamén aos neofalantes?
Está afectando a varias cuestións. No tema do neofalantismo, ao baixar a
presenza do galego na educación, fai que haxa máis xente que se pode
sentir desmotivada. Pero tamén é certo que hai quen chega ao galego ao
darse de conta de que a Administración non está facendo moito pola
defensa da lingua.
Habitualmente identificase aos neofalantes como activistas políticos, principalmente, no mundo do nacionalismo. É isto certo?
Hai un perfil claro de neofalantes que son nacionalistas, pero hai
tamén outra tipoloxía. Houbo unha época na que o neofalante non tiña
preocupación pola política e outra na que era un suxeito moi politizado.
Moitos neofalantes, cando falamos con eles, pois tamén rexeitan que lle
asignen un valor político que din que non é real. Tampouco lles gusta
que digan que son nacionalista por falar en galego. Cando se fan
neofalantes toman conciencia do que é a súa lingua, aínda que voten ao
PPdeG. Pero non creo que haxa unha maioría de nefoalantes que poidan ser
activistas políticos do nacionalismo neofalante.
Neste eido tamén é moi importante o papel dos medios en galego.
E, nun país coma o noso, onde case non existen, aínda máis. Cal cres
que debe de ser a súa función?.
Pois é capital na dignificación do valor social e recuperación da
lingua. Cada vez se lé menos e cada vez os medios de comunicación
tradicional teñen menos visitas. Pero teñen unha función social
fundamental. Cantos menos medios en galego, peor, xa que afecta
seriamente ao enriquecemento e mantemento da lingua e, tamén, á
pluralidade informativa.
Ti es tamén membro do Comité de Expertos do Consello de Europa
que se encarga de velar pola Carta Europea das Linguas Minoritarias.
Como está a situación actual das linguas minoritarias en España?
Pois o Comité de Expertos acaba de aprobar o informe hai tres semanas e en breve lle chegará ao Goberno para facer alegacións.
Pero haberá algo que me poidas adiantar?
Pois o informe diferencia claramente a situación das linguas oficias e
non oficiais e dentro das oficiais tamén hai diversidades. Máis ou menos
o informe é parecido ao do ano anterior e as comunidades que máis
recoñecemento teñen son Euskadi e Cataluña e as outras pois teñen
dificultades que teñen que abordar. O informe é confidencial e non podo
avanzar moito. Logo hai tamén un campo para as linguas sen
recoñecemento. Aínda que o informe non cambie con respecto a outros
anos, e iso a pesar de que España firmou o nivel máximo desta carta, o
caso é que ten que cumprir coas esixencias destes informes
particularmente no ensino, medios e xustiza. E por iso cremos que se
debe facer máis por parte das administracións nestes campos.
E como está a situación no resto da UE?
Pois hai lugares que nivel de esixencia son moi baixos. España asinou
para a Educación niveis moi altos e isto indica que na educación básica
ten que haber inmersión lingüística en linguas minoritarias,
independentemente, da elección dos pais. Noutros lugares de Europa pois é
diferente. Nalgúns puntos os niveis de esixencia son como os de España e
noutras aínda peor. Pero noutros puntos de Europa a cuestión
lingüística está moi territorializada e e moi fácil de actuar.
Entón, cúmprense ou non as vosas recomendacións?
Nós non somos policía. Nós recomendamos pero son os estados os que
teñen que cumprir os seus compromisos. En todo caso, outros estados
tamén lle poden esixir a España que cumpra eses compromisos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario