Coincidindo co Día do Libro, este 23 de abril chega á rede o segundo número da Revista Criaturas,
a publicación coordinada Ledicia Costas e Daniel Landesa, sobre
literatura infantil e xuvenil que botou a andar o pasado mes de
decembro. Neste número 1 (o de presentación foi número 0) os contidos
xiran arredor do humor. Entre os contidos publicados, os seus
responsables destacan senllos estudos sobre o humor na literatura
infantil e xuvenil realizados por María Jesús Fernández e Carlos
Nogueira no ámbito galego e portugués, respectivamente. Neste
segundo número preséntase unha nova entrevista cruzada, desta vez coa
presenza do escritor Francisco Castro e da actriz e escritora Paula
Carballeira.
Este número tamén presenta traballos de Roberto Pascual sobre "As
vertentes do humor no teatro infantil e xuvenil contemporáneo" ou de
Miguel Vázquez Freire sobre o teatro de Paula Carballeira. E unha
análise de Montse Pena sobre o regreso do humor á literatura infantil e
xuvenil, afondando nas figuras de Roald Dahl e Christine Nöstlinger.
A sección de crítica presenta recensións de Osos (Ruth Krauss e Maurice Sendak), A Galiña Azul (Carlos Casares), Boy (relatos de infancia) / Voando Só (Roald Dahl), A filla do Grúfalo
(Julia Donaldson) ou análises sobre a obra de Janosch (Horst Ecker) e
Agustín Fernández Paz. Tamén dedica un espazo á libraría El pozo de los
tres deseos (Cangas do Morrazo) e ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil
de Pontevedra, que celebrou en marzo a súa XVI edición, incluíndo unha
entrevista á súa responsable, Anxos Riveiro.
Criaturas non busca centrarse nas novidades editoriais (aínda
que tamén fai referencia a elas na súa sección de crítica), senón que
tamén se detén en autores, autoras, temas e tendencias, buscando
ser un punto de encontro para o sector, e un medio de referencia, un
espazo para o debate e a reflexión para un ámbito moi destacado das
letras galegas e da produción cultural do país. En decembro falamos con Ledicia Costas
sobre a iniciativa que viñan de poñer en marcha, unha entrevista na que
destacaba que "a literatura infantil xuvenil do noso país ten unha
enorme calidade, ten consumidoras e consumidores. Ademais hai diferentes
iniciativas ao longo do país que fan da lectura un valor engadido".
Ningún comentario:
Publicar un comentario