venres, 17 de abril de 2015

Aplicación da sentenza do CXT

A sentenza teríaselle que aplicar a todo o profesorado afectado e non exclusivamente ás persoas que forman parte do proceso.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), mediante a sentenza do 11 de febreiro e o auto do 20 de febreiro en que aclaraba a dita sentenza, declaraba improcedente a valoración dos servizos como persoal interino e substituto no apartado 1.1.2 en calidade de persoal funcionario en situación de provisionalidade, sempre que se participe desde esta situación ou desde o primeiro destino definitivo.
Esta sentenza é coincidente coa posición mantida pola CIG-Ensino ante a modificación introducida unilateralmente pola Consellaría no baremo do CXT do ano 2013. A CIG-Ensino defende que se consideren os servizos prestados como tales, independentemente da situación administrativa en que se prestasen, mais non é razoábel que se consideren os anos de interino/a como provisionais (cuestión na que coincide esta última sentenza)
A CIG-Ensino exixiu a máxima dilixencia e celeridade posíbel  para resolver definitivamente este conflito que tantos prexuízos causou e segue a causar ao profesorado. Cuestión  que foi  reclamada na Mesa sectorial. Así mesmo na Mesa Sectorial de Madrid solicitámoslle ao Ministerio o inicio de negociacións, co obxecto de acordar a convocatoria do futuro CXT a nivel estatal para aclarar todas as dúbidas e evitar que se continúe xudicializando un tema de tanta relevancia que crea incerteza e inseguridade no profesorado.
Unha vez que o propio Tribunal aclarou a sentenza ditada o 11 de febreiro mediante o auto do 20 de febreiro e resolvía que a sentenza tiña que ser executada, a CIG-Ensino exixiu da Consellaría a súa inmediata execución.
Desde a CIG-Ensino entendemos que a aplicación que vén de realizar a Consellaría non corresponde co auto de aclaración do propio Tribunal que estabelece no fundamento primeiro, apartado c) o seguinte: “La Sala por tanto, en la Sentencia de 11 de Febrero de 2014 no se pronuncia sobre cómo ha aplicado la Xunta el baremo puesto que no era la cuestión litigiosa, sino cómo debería ser el baremo ajustado a derecho, de manera que en lo que no fuere legal se produciría un efecto reflejo invalidante sobre los actos dependientes del mismo (art. 64.1 Ley 30/1992, sensu contrario) y manteniéndose lo restante bajo el principio de conservación (art. 64.2  Ley 30/1992)." 
En consecuencia, segundo o anterior fundamento, a sentenza teríaselle que aplicar a todo o profesorado afectado e non exclusivamente ás persoas que forman parte do proceso. En todo caso, correspóndelle ao propio Tribunal ditaminar se a aplicación da sentenza feita pola Consellaría se corresponde ou non coa resolución xudicial e, para iso, deberíase solicitar incidente de execución de sentenza ao propio Tribunal, para o cal só están lexitimadas as partes presentadas no proceso.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario