As tecnoloxías lingüísticas avanzan a pasos axigantados. A aplicación da computación, a intelixencia artificial e o Big Data
no estudo científico das linguas está a contribuír ao desenvolvemento
de novos escenarios para a comunicación humana. Os dicionarios e os
tradutores online son só unha parte do desenvolvemento da intelixencia lingüística computacional.
Algúns experimentos non deixan de ser simplemente curiosos, quizais non
moi prácticos (como o que traio hoxe a este blog), pero si reveladores
do potencial que se está a alcanzar neste terreo, onde os xigantes do
software e da comunicación online, como Google ou Microsoft, están a
investir inxentes cantidades de diñeiro e recursos humanos e técnicos en
perfeccionar a lingüística computacional e as traducións simultáneas.
Talvez nun futuro non moi afastado, a tecnoloxía sexa capaz de rematar coa maldición bíblica de Babel; talvez un día o Tradutor Universal de 'Star Trek'
deixe de ser ciencia ficción... Os máis optimistas auguran un escenario
onde seres humanos de distintas rexións do planeta e con distintas
linguas poderemos comunicarnos entre nós sen necesidade de aprender
outros idiomas, simplemente co uso de sofisticados sistemas de tradución
en tempo real en wereables como poden ser as Google Glass ou a través de videollamadas por Skype, por exemplo. É un paso máis cara á configuración da transrealidad. Pero iso son palabras e proxectos maiores.
No terreo das curiosidades e dos pequenos experimentos que se están a realizar no campo da computación lingüística e do Big Data, apareceu Word Map, un proxecto desenvolvido en Brasil por Easy Wage Language Center que reúne o poder de Google Translate e o coñecemento colectivo da Wikipedia
para poñer en contexto a relación entre linguas e espazos xeográficos.
Así se configura un mapa onde tradución escrita e sonora, por un lado, e
localización xeográfica, por outro, ofrecen ao usuario información
sobre como se escribe e pronuncia case calquera palabra en case calquera
idioma en case calquera parte do mundo (téñase en conta que os idiomas
incluídos son os ata agora aceptados por Google Translate).
Introducindo calquera palabra no buscador, o sistema inicia unha
viaxe polo mundo coas distintas traducións e pronunciacións do termo.
Ademais, vanse xerando unha serie de liñas que conectan o lugar de orixe
de cada lingua identificada con aquelas zonas do mundo onde se fala o
idioma. O mapa pode axustarse con zoom e permite o desprazamento entre
diferentes rexións. Tamén ofrece ventás de información recollida da
Wikipedia sobre cada lingua.
Aquí podedes ver o que sucede se introducimos a palabra "galego"...
Ningún comentario:
Publicar un comentario