Co
gallo do Día das Letras Galegas e o Día Internacional da Internet
(ámbalas festividades felizmente coincidindo o vindeiro 17 de maio),
o IES de Curtis vén de convocar un concurso que se dirixe a
distinguir a mellor bitácora en galego dos nosos estudantes. O
Certame
Escolar de Blogs, que vai pola súa segunda edición, está
aberto a toda a comunidade educativa e, segundo nos conta o equipo
organizador, valorará positivamente aqueles cadernos persoais que
dean a coñecer aspectos novos da nosa cultura, ou que acheguen
puntos de vista innovadores, facendo especial fincapé en contidos
ligados ao lecer e “ás preocupacións da xente nova”.
Por exemplo contidos de
música, arte, literatura, ciencia, patrimonio, audiovisual, medio
ambiente, voluntariado, asociacionismo cultural, Tecnoloxías da
Información e a Comunicación (TIC), graffiti, banda deseñada,
deportes, motor ou videoxogos.
A iniciativa, que vén da
man do Equipo de Normalización de Lingüística do IES de Curtis,
parte dos seguintes obxectivos fundamentais: por unha banda valorar a
importancia dos blogs como ferramentas didácticas para o
desenvolvemento de contidos curriculares e máis a súa utilidade
para a motivación do alumnado, e por outra banda fomentar o emprego
activo das novas tecnoloxías e a creación de espazos que favoreza
asociacións positivas para a lingua. Ademais, o certame encamíñase
a contribuír ao uso da noso idioma na Rede, a promover o coñecemento
de diferentes aspectos da nosa cultura (sobre todo os vencellados ao
lecer), a complementar a formación académica do alumnado con
elementos que axuden á súa inserción no eido laboral e a procurar
formación continua e colaboración educativa entre nais, pais,
profesorado e persoal non docente do IES de Curtis.
A temática das bitácoras
candidatas poderá ser libre, pero valoraranse positivamente aqueles
blogs que amosen aspectos sobre algunha das linguaxes artísticas e
culturais devanditas e as súas diversas expresións e manifestacións
na nosa terra. O prazo de inscrición de achegas xa está aberto a
través do blog Son de
Noso. O autor ou autora deberá cubrir un formulario no que
indique o seu nome e apelidos, o curso ou estamento ao que pertence
no seo da comunidade educativa e a URL (ligazón) do seu blog. Os
traballos faranse públicos o 17 de maio, Día das Letras Galegas e
da Internet, en Son de
Noso. Até ese intre as autoras e autores
deberán alimentar o seu blog, que terá que conter un mínimo
de oito entradas.
Concederase un único
premio consistente nunha tableta para o mellor caderno presentado
polo alumnado. Teranse en conta os seguintes criterios: calidade
lingüística, interese dos contidos, deseño e orixinalidade,
inclusión de información propia, actualización e número de
entradas, recursos e ligazóns de interese relacionados co tema
elixido, aproveitamento das posibilidades que ofrece o blog
(inserción de textos orixinais, vídeos, imaxes, audio),
participación e comunicación coa comunidade virtual (seareiros,
difusión nas redes sociais, comentarios, visitas...).
Ningún comentario:
Publicar un comentario