"Non coñezo país ningún do noso ámbito onde os políticos fagan gabanza de non falar ben o seu idioma"Hai compromiso dabondo pola calidade da lingua galega?
Non se lle pode pedir o mesmo a unha persoa que non puido falar galego ou a quen lle foi prohibido ou que non tivo acceso a el que a un profesor da Universidade ou un profesor de ensino medio... Ou mesmo aos políticos, que teñen entre unha das súas principais encomendas, segundo o Estatuto, a de velaren pola saúde, calidade e proxección social da lingua. Pensamos que hai que facer ver que as autoridades políticas, académicas e instucionais teñen un primeiro grao de responsabilidade en que a lingua se promocione cunha certa calidade lingüística. Non coñezo ningún país normal no noso ámbito onde os poderes políticos ou académicos fagan gabanza de que non falan ben o seu idioma ou de que o falan mal. E tampouco coñezo ningunha serie de televisión neses países onde os propios personaxes fagan un uso inadecuado da lingua, como pasa aquí con programas como A Casa da Conexa, que é un verdadeiro esperpento para o galego. Hai dous niveis: a responsabilidade que teñen os políticos e os poderes públicos e logo a sociedade, que debe, na medida do posible, empregar a lingua da mellor maneira posible.
O nivel nos políticos semella moi baixo...
O nivel está moi baixo e tampouco teñen vontade de mellorar. Habería que facer distincións porque hai persoas que acreditan no galego e outras non, pero non se pode acreditar nunha lingua que se está atacando continuamente. Ademais, o goberno de Feijóo foi e é o máis dañino para a lingua de todos os que ten habido na Xunta, empezando xa por como fala o seu presidente e os seus conselleiros e secretarios xerais. Pero tamén hai académicos da RAG ou importantes profesores de Universidade que fan gabanza de que o galego ten unha enorme hibridación e de que iso é bo, algo que é unha barbaridade. Obviamente, a un labrego, a un mariñeiro que fala o galego e que non tivo a posibilidade de estudalo non se lle pode pedir o mesmo que a un académico, a un profesor ou a un conselleiro. Mais todos debemos facer o posible para, dentro das nosas condicións, usar o mellor posible a lingua.
"O galego parece a única lingua do mundo que non ten dereito a un estándar culto e que todo o que está na lingua popular xa vale. E non é así"Como se convence a quen se nega a usar 'grazas' ou 'vila' porque sempre usou gracias ou pueblo?
Supoño que cun pouco de pedagoxía e cun pouco de boa praxe da lingua. Parece que o galego é a única lingua do mundo que non ten dereito a ter un estándar culto e que todo o que está na lingua popular xa vale. E non é así. Houbo xa folcloristas no século XIX e XX que traballaban coa lingua popular e coloquial que eran conscientes das formas que non eran galegas e advertían delas para que quedase claro que cousas non eran autóctones. Se hai xente que se nega a dicir 'grazas', 'pobo' ou 'deus' é un problema que se solventa con pedagoxía e con compromiso coa lingua. O problema do galego é tamén esa identificación entre o galego popular e o real e auténtico. É necesario que haxa ese galego popular e coloquial, pero iso non quita que estea liberado de barbarismos. Tampouco se pode falar igual nunha conferencia que coa parella ou coa familia, pero iso non quita que se expurguen españolismos ou léxico non propio. Non hai por que dicir cuchara se existe 'culler' ou pueblo habendo 'vila'.
Fala dalgún programa da TVG pero pesa máis a defensa que se fai no galego del ou o seu mal uso?
Se realmente hai que difundir o galego hai que difundir A Casa da Coella e non A Casa da Conexa. Se é unha cousa folclórica para facer rir certos días á semana, pois moi ben, pero o galego non pode permitirse eses luxos. O inglés, o español ou o francés poden permitirse certa caste de formas proveñentes doutras linguas porque non periga a súa hexemonía, pero na nosa lingua non porque a situación é moita máis adversa. Calquera mínimo ataque acaba sendo moi dañino, pero se eses ataques teñen unha certa proxección pública, a cousa aínda é peor. Moita xente di que se dixo conexa, pero se escarvas un pouquiño a xente acaba dicíndoche que así era como se dicía antes. Porque ese galego máis autóctone non está tan lonxe, pero nin as institucións públicas nin as académicas están interesadas en reivindicalo.
"Hai académicos da RAG que din 'pueblo' ou 'pulpo'... Iso só pasa nun país coma este"Vostede asegura que falta compromiso por parte da RAG...
Estou convencido de que se a RAG quere ser realmente a Academia Galega debía ser máis aberta e, por exemplo, contar con estamentos das tres universidades galegas e non só dunha. Fáiseme moi difícil acreditar que a Academia funcione como tal cando moitos dos seus académicos din pueblo, pulpo ou papeles... Iso só pasa nun país coma este. Se queremos que o galego sexa unha lingua normal todos teremos que coidalo porque o galego vai cara á confluencia co español e ese é o verdadeiro problema: que o galego pode desaparecer.
Como pode desaparecer?
Pode desaparecer a través de dúas vías: a primeira a través da confluencia co español, porque se cada vez o galego é máis español e menos galego, acabará sendo un dialecto español con catro cousas folclóricas; e a segunda por substitución, cando en vez de galego se fale español. Conflúese tanto co español que hai veces que escoitamos algún político e temos dúbidas de en que lingua está a falar.
"É de tolos non aproveitar o recurso do portugués; xa o quererían para eles os cataláns!"Reivindica que hai que atender á tradición galego-portuguesa.
Son dos que pensa, como o resto de compañeiros que participan no libro, que o galego ten o mundo aberto grazas ao portugués. Non hai nada polo que desaproveitar esa tradición galego-portuguesa e xa dicía Dieste que unha palabra galega no medio do portugués é como unha pinga de auga no medio dunha cunca de auga. É o mesmo. Para ter unha lingua de calidade debemos acudir a esta tradición galego-portuguesa, que non está moi lonxe de como fala a nosa xente. Todos coñecemos xente que ten expresións totalmente galego-portuguesas, pero que se van utilizando cada vez menos. Debemos conectar con esa fala auténtica, popular e enxebre e defender esa unidade básica dialectal entre galego e portugués. É de tolos non aproveitar ese gran recurso. Xa o quererían para eles os cataláns!
Os últimos datos estatísticos debuxan un negro panorama para o galego, que medidas urxentes se deberían tomar?
As medidas que habería que tomar parten por que os poderes públicos se involucren realmente coa recuperación social do galego. Se se parte deste principio habería que achegar varias medidas, pero a básica é que a promoción do galego sexa verdadeira e non algo folclórico. Ten que ser un compromiso real e a partir de aí tomar medidas no ensino, na promoción cultural e audiovisual, no ensino superior... Pero o eixo fundamental parte de que as autoridades políticas asuman que a lingua galega tamén é parte do noso ADN.
"As modificacións legais e o desprestixio da lingua van parellas; onde está o prestixio se non se poden dar matemáticas en galego?"Foron máis negativas as modificacións legais que levou a cabo o goberno de Feijóo ou o desprestixio que se fixo do galego?
As dúas cousas van parellas. Se non podes dar matemáticas en galego, como ocorre agora mesmo, onde está o prestixio da lingua? Onde esa equivalencia en status? Hai medidas legais adoptadas que involúen anos de moito traballo e sacrificio por parte de sindicatos, organismos políticos ou culturais... Porque lembremos que o galego estaba mal pero agora está peor. E como se pode cambiar isto? Pois promovendo o galego no ensino. Pero se o principal decreto que afecta a educación merma aínda máis a situación da lingua, mal imos. Moi mal imos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario