luns, 13 de abril de 2015

Dopico: "Usamos o galego porque é a lingua dos nosos clientes"

Entrevista con Arturo Dopico, conselleiro delegado de R. A operadora reafirma, tras as denuncias da CIG, que as súas teleoperadoras están e estarán en Galicia. A política de prezos, o contrato coa Xunta e o galego como atractivo publicitario son outros dos temas desta conversa.

Telefónica está a completar o despregue da súa rede de fibra óptica nas cidades do país e a facer unha importante campaña de promoción para explotala. En que situación deixa isto a competencia con R
Nós comenzamos a despregar a rede de fibra alá polo ano 2.000, e eles en Galicia levan un par de anos. R cubre uns 930.000 clientes entre locais empresas e fogares; e Telefónica aproximadamente 260.000, sobre todo na Coruña e en Vigo. Despois de 15 anos eles apostan por algo que nós temos claro dende o principio. A nivel de servizos para o futuro, entre as dúas redes, non hai moita diferenza. No que é mundo de internet, os dous imos prestar os 300 megas, e isto supón que non hai moita diferencia,  pois con 100 megas un fogar medio ten capacidade para todo.
 
R gañou o ano pasado o contrato para levar todas as comunicacións da Xunta, salvo o móbil. Que supón para a compañía?
O importe total ascende a uns 10 millóns de euros anuais por tres anos renovables outros tres. A Xunta de Galicia adxudicoulle a R este contrato tras valorar as melloras técnicas dos servizos ofertados, as vantaxes para garantir o funcionamento dos servizos públicos dixitais de 3.000 centros da administración autonómica e valorando, claro, o aforro duns 12 millóns de euros fronte ao importe de licitación. Ademais, R comprométese no novo contrato a investir 12 millóns de euros para mellorar a infraestrutura da rede corporativa da Xunta de Galicia. É de lonxe o principal contrato de telecomunicacións de Galicia, hai que prestar servizo a colexios, institutos, delegacións ... O investimento é tan alto que para nós non é rendible nos primeiros seis anos.
 
E como afectou o cambio de accionariado na capacidade de R de afrontar tales investimentos? Cambiou a forma de xestionar a compañía o feito de que a maioría dos accionistas xa non sexan do país senon o fondo británico CVC Capital Partners?
Tivemos tres etapas, a primeira cando o accionista de referencia era Unión Fenosa; logo era Caixanova cun 67%, e a terceira etapa dende Nadal de 2010 cando a maioría xa é de CVC Capital. A xestión da empresa segue igual, pódeno apreciar facilmente tanto os provedores, como os clientes, como os medios de comunicación. 
 
Os ruxe-ruxes sobre un posible cambio na titularidade de R son constantes dende a súa creación, estimulados polo feito de que só sobreviven tres (ademais de R, a asturiana Telecable e a vasca Euskaltel) dos 17 operadores autonómicos creados no seu momento.  Algunha novidade ao respecto? Hai un par de anos o presidente de Euskaltel falou abertamente dunha posible fusión con R ...
Iso foi porque lle preguntou directamente a prensa, e el, cando lle preguntan sobre isto, escarállase coa risa, igual ca min. Mira, a primeira pregunta que me fixeron nunha rolda de prensa aló polo 98 é se nos ía comprar Retevisión. O que sucedeu finalmente é que Retevisión foi mercada por outra, e que todos os accionistas do que era Retevisión tamén foron comprados. Incluso moitos dos que foron accionistas nosos foron absorvidos e outros operadores como Auna ou ONO Cable xa foron mercados... e nós seguimos independentes. Este tipo de operacións son ruxe-ruxes que hai constantemente no mercado. De feito, nos tivemos a posibilidade de mercar algún dos outros operadores; pero arestora non hai nada de nada.
 
A nivel estratéxico, R deu un xiro moi importante. Comezou sobre todo como operador de cable e agora tamén é un destacado provedor de móbil. Que balance fai desta aposta? No futuro a empresa, prevé algún cambio da mesma importancia?
Dese calado é complicado. Hoxe o móbil representa o 30 % de todos os nosos ingresos. O 37% provén do mundo das empresas, somos o operador do mundo o que máis porcentaxe factura a empresas. Somos líderes nas áreas nas que hai cobertura da rede R tamén en telefonía fixa e móbil, cunha cota do mercado que é do 60%.  Temos preto de 400.000 liñas e 327.000 clientes. E seguimos a crecer moito, incluso nestes sete anos de crise, grazas a política de prezos.
 
As telecomunicacións son un dos poucos sectores nos que caeron os prezos durante a recesión ...
Se colles un produto calquera -por exemplo uns 10 megas con telefonía fixa incluída e 100 minutos de móbil- podes comporbar como en tres anos o prezo baixou entre un 61 e un 65%. Contrasta co que sucedeu noutros sectores. Durante a crise, por exemplo, as facturas de enerxía -luz e gas- andan por unha suba media do 70%. 
 
Explícase isto só polo aumento da compentencia? Hai máis operadores ...
Débese en parte á competencia, pero no noso caso fomos un pouco máis alá. Chegou a crise e nós preferimos sufrir máis para manter clientes. Para nós é fundamental dar sempre un prezo competitivo.
 
A CIG mandou o mes pasado un comunicado no que actuaba a Teleperformance de trasladar carga de traballo de Galicia a Portugal. E nomeaba a R como un dos clientes desta empresa de teleoperadoras ... 
É acolloante que se nós meta a nós por medio. Para R manter estes servizos en Galicia foi sempre unha decisión estratéxica. Fixémolo, facémolo e seguiremos a facelo. Se Teleperformance ten outros clientes e fai traslados, iso é cousa deles. 
 
R necesita que as teloperadoras estean en Galicia porque ofrece o servizo en galego ...
Si, pero poderíase, por exemplo, que o centro de traballo estivese no Norte de Portugal. Pero este servizo está e estará en Galicia, non entendemos porque nos meten polo medio.  
 
Falando do idioma, R foi pioneria en aproveitalo como ferramenta de mercadotecnia. E fíxoo con éxito, de feito sigue apelando á identidade galega na súa publicidade. No último ano outros grandes anunciantes subíronse ao carro, como Fenosa, Abanca, Banco Popular no referido ao Pastor ... 
A min paréceme ben, ogallá consigamos que todos fagan publicidade en galego; pero nós non o facemos como un punto comercial para vender máis. Para vender máis tes que ofertar o mellor servizo posible pero tamén ser responsable coa sociedade na que operas. Usamos o galego por responsabilidade social, por naturalidade, porque é a lingua dos nosos clientes.
 
Por certo, de onde saíu o de onde saíu o nome de "R"?  A wikipedia pon: "Hai varias teorías sobre a orixe do nome de Cable R. Unha delas é que foi unha proposta da axencia de publicidade que fixo a imaxe de marca para empresas como Ediciones B e Grupo Z"....
Cando desenvolvemos a marca, contratamos unha consultora británica, Wolff Olins, que era e sigue a ser líder mundial en desenvolvemento de marca. Lanzaron Orange, BP, BBVA e moitas outras. Durante catro meses organizamos grupos de discusión con universitarios, entrevistas con xente da política, etc. para identificar os valores que debería ter unha operadora de cable. Produto dese proceso propuxeron cinco marcas e escollemos a máis corta. Buscaban alguén que tivera o atrevemento de operar cunha marca dunha letra e nós dixemos, porque non?

Ningún comentario:

Publicar un comentario