As tres institucións continúan entre as 10 que máis fomentan o software que respecta a liberdade dos usuarios.
As tres universidades galegas mantéñense entre as dez máis comprometidas en España en uso e difusión de software libre. Así o reflicte o novo Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL) deste
ano, na súa cuarta edición, e no que se avalían un total de 76
universidades de todo o Estado. Os novos datos actualizados sitúan de
novo a Galicia como a segunda comunidade autónoma nesta materia, só
superada polas Illas Canarias.
A Universidade da Coruña (UDC) segue a ser a máis
destacada entre as institucións públicas de ensino superior galegas,
ocupando o sexto posto nesta clasificación, pero, ao igual que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) —oitava—, cae dous postos. Pola súa banda, a Universidade de Vigo mantense no décimo lugar.“As universidades galegas manteñen os bos resultados obtidos no ranking do ano pasado, polo que Galicia, xunto ás Illas Canarias, segue sendo unha das comunidades autónomas nas que máis se difunde a filosofía do software libre. Tamén debe destacarse Andalucía, con cinco universidades no terzo superior da táboa. Porén, a comunidade autónoma que experimentou un crecemento máis notable neste sentido é a Comunidade Valenciana. E non só porque, como xa vimos, a UMH e a UPV conseguiron irromper entre as cinco e as quince primeiras clasificadas, respectivamente, senón tamén porque a Universidade de Alicante mellorou o seu IDSL en case 20 puntos para colocarse no undécimo posto, e os seus resultados na dimensión docente deste estudo superan aos das tres primeiras clasificadas”, salienta o informe.
Canda as galegas, neste top 10 aparece destacada como primeira a Universidade de Granada, seguida polas de Las Palmas de Gran Canaria (2ª), La Laguna (3ª), a Miguel Hernández de Elche (4ª), Zaragoza (5ª), Sevilla (7ª) e a Politécnica de Catalunya (9ª), esta última, a única novidade este ano entre as dez primeiras.
Clasificación
Posición | IDSL | Universidade |
---|---|---|
1º | 100.00% | Universidad de Granada |
2º | 65.80% | Universidad de Las Palmas de Gran Canaria |
3º | 62.25% | Universidad de La Laguna |
4º | 58.63% | Universidad Miguel Hernández de Elche |
5º | 47.74% | Universidad de Zaragoza |
6º | 46.02% | Universidade da Coruña |
7º | 34.65% | Universidad de Sevilla |
8º | 34.45% | Universidade de Santiago de Compostela |
9º | 32.78% | Universitat Politècnica de Catalunya |
10º | 29.25% | Universidade de Vigo |
O compromiso das universidades españolas co software libre mídese mediante o seu Índice de Difusión del Software Libre (IDSL), que se calcula a partir de 65 indicadores que analizan 11 dimensións diferentes: administración, produción, colaboración externa, investigación, axuda, docencia, cultura en software libre, tecnoloxía, divulgación, webmetría e institución. A puntuación global de cada universidade é o índice IDSL, valor que indica o esforzo que realiza unha universidade por difundir o software libre, en relación á que máis o difunde. Así, a primeira clasificada ten un IDSL de 100 e o resto un valor entre 0 e 100 en proporción á promoción que realizan do software libre. Malia a boa posición das universidades galegas, os seus índices están lonxe das dúas primeiras nesta clasificación, especialmente a de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario