venres, 24 de abril de 2015

As participantes no Dia das Rapazas e as TIC lembran o inxente potencial que perde o sector pola falta de mulleres

Hoxe celebrouse en Santiago, na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Día Internacional das Rapazas e as TIC, unha data dirixida a emendar, na medida do posíbel, unha eiva que lonxe de solucionarse, por desgraza semella ir a máis: a fenda de xénero na formación tecnolóxico-dixital e, por conseguinte, no ámbito laboral. Segundo se lembrou, a devandita fenda tradúcese nunha importante masculinización do sector, “relegando ás mulleres en certos ámbitos tecnolóxicos a minorías tan reducidas que case conviría falar de excepcións”, explicou Fernando Suárez, presidente do CPEIG, un dos participantes nos actos de hoxe. Na xornada, para demostrar que o tecido TIC e a sociedade por enteiro precisa con urxencia máis mulleres informáticas, expuxéronse diversos casos de éxito empresarial impulsados por mozas da nosa terra: Pekecha.com, Appentra e os estudos de videoxogos Ameiga.
O acto de celebración foi presidido pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e máis polo director do CESGA, Javier García Tobío. As sesións desenvolvidas no salón de actividades do centro compostelán, que literalmente rebordaron de asistentes (principalmente as rapazas do IES Carlos Casares de Vigo), foron retransmitidas vía multiconferencia ao IES da Estrada, ao CPR Montespiño (A Coruña) ao IES Monte das Moas (A Coruña), ao IES Carlos Casares de Viana do Bolo, ao IES Campo de San Alberto (Noia), ao IES Francisco Daviña Rey (Monforte), ao CEIP O Cruce (Cerceda) e ao IES Saturnino Montojo (Ferrol).
Como dixemos, o acto foi inaugurado por Javíer García Tobío, quen sinalou que o obxectivo do Día Internacional das Rapazas e as TIC é lograr que as nosas mozas valoren entre as súas opcións de futuro, tanto para xogar como para informarse como para traballar, as opcións que achegan as novas tecnoloxías. “Botamos en falta a presenza de mulleres”, dixo o director do CESGA, quen lembrou que no caso particular do centro de supercomputación, só o 22% do persoal que alí traballa son mulleres. Entre as razóns do problema salientou sobre todo o coñecemento incompleto que se ten na sociedade sobre a profesión informática. “Nós facemos algo máis que estar diante dun computador, moito máis ca iso”, sinalou.
No acto tamén participou Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que falou do estudo presentado polo CCII os días pasados no que se poñen de relevo dous datos de gran importancia: por unha banda o alto nivel de empregabilidade dos estudos TIC e, pola outra, “a importante masculinización dos ámbitos educativos e por conseguinte dos ámbitos profesionais”. Suárez tamén fixo un repaso por figuras femininas referenciais do eido tecnolóxico e dixital, algunhas do pasado (como Ada Byron, a filla de Lord Byron, que dá nome aos galardóns que convoca o CPEIG para visualizar o labor das nosas mozas informáticas) e outras do presente, como a ourensá Eva Dafonte, enxeñeira superior en Informática, na actualidade administradora de bases de datos Oracle na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, Suíza (segundo lembrou Suárez, Dafonte foi merecedora este ano do Premio Ada Byron que concede o colexio profesional).
Para rematar, o presidente do CPEIG dirixiuse ás mozas convocadas no CESGA (e nos colexios a través de multiconferencia) para convidalas a apostar polos estudos informáticos: “Non podemos prescindir de vós, do voso talento”. Asemade, lembroulles que a informática é un eido transversal, que atinxe a todos os escenarios sociais da nosa vida e do que, ademais, depende en parte todo o que se faga hoxe en día para dar forma a un mundo mellor.
Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella destacou a importancia de aproveitar o talento e a capacidade innovadora das mulleres novas mediante a súa incorporación aos estudos e profesións relacionados coas TIC. Tamén incidiu na necesidade de visualizar cada día que do talento tecnolóxico que puideramos atesourar, preservar, impulsar e amosar, só contamos coa metade del. Asemade, convidou a achegar entre todas e todos “unha visión realista do sector”, co fin de romper cos estereotipos e as ideas preconcibidas, que son en boa medida os grandes culpábeis desta situación de desigualdade.
As actividades da mañá remataron coas presentacións dos devanditos casos de éxito de emprendemento innovador feminino. Interviñeron (falando das súas experiencias primeiro e logo respondendo polo miúdo ás preguntas lanzadas polas estudantes na propia sala do CESGA e a través de multiconferencia dende os centros de ensino participantes na xornada) Verónica Ramallal, socia fundadora de Pekecha.com, María Rosa Vázquez Rogel, cofundadora de Appentra (empresa de software de computación de altas prestacións) e Mariel Martínez Estévez, cofundadora de Ameiga (compañía para o desenvolvemento de xogos para dispositivos móbiles).
A xornada: obxectivos e orixes
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha celebración dirixida a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das TIC, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación entre elas e as rapazas e rapaces dos institutos de secundaria de Galicia. A conmemoración (Girls in ITC), promovida e coordinada pola ITU (International Telecommunications Union), da que España é membro, ten como obxectivo máis amplo crear unha contorna global que promova e apoie ás rapazas no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
O CESGA, como coordinador deste proxecto e, en colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade, vén traballando dende o ano 2012 (de xeito conxunto con institucións europeas), na elaboración dunha proposta de traballo nas aulas dos primeiros anos de educación secundaria para mellorar a percepción das aplicacións das TIC e as súas posibilidades futuras no mundo laboral e de estudos, así como a actitude emprendedora entre as rapazas máis novas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario