A CIG-Ensino fai un chamamento ao profesorado para que non participe nin na aplicación, nin na corrección destas probas.
A CIG-Ensino presentou unha emenda á
totalidade perante a Permanente do Consello Escolar do Estado para
reclamar a retirada do Proxecto de Real Decreto polo que se regulan as
probas da avaliación final de Educación Primaria, Educación Secundaria
Obrigatoria e de Bacharelato, as reválidas (achégase) . As reválidas son
un dos elementos máis nocivos da LOMCE, contra as que a CIG-Ensino se
manifestou reiteradamente desde o inicio. A LOMCE prescribe que para
obter a titulación na ESO e no Bacharelato é requisito imprescindíbel
superar estas probas, o que significa poñer as maiores trabas posíbeis á
continuación dos estudos, unha medida que responde, exclusivamente, a
unha concepción totalmente clasista e elitista da educación e busca
facilitar a exclusión dos máis desfavorecidos socialmente do dereito á
educación.
As reválidas van supoñer, en moitos casos, unha nova
discriminación social, xa que só pretenden medir resultados, sen ter en
conta o contexto e as circunstancias económicas, culturais e familiares,
nin as carencias e necesidades para conseguir os resultados necesarios.
As dificultades veranse ampliadas para aquel alumnado que necesita
apoio ou reforzo en diferentes materias e non poida afrontalas mediante
clases particulares.
As reválidas tamén significan o menosprezo da
profesionalidade do profesorado, xa que o seu traballo está posto en
cuestión na medida en que o resultado da avaliación continua -ferramenta
indispensábel para coñecer e ter a información necesaria da evolución
do alumnado- deixa de ter valor fronte aos exames de reválida. Non vai
servir de nada a avaliación continua e a opinión do equipo docente,
único coñecedor da marcha escolar do alumnado, das súas circunstancias
persoais, familiares e sociais, das súas capacidades, dificultades e
actitudes. As reválidas condicionarán ademais, todo o traballo
pedagóxico, didáctico e de desenvolvemento curricular, pois estará
centrado en preparar o alumnado para superar a reválida, ignorando que
no proceso educativo interactúan diferentes factores.Por outro lado, a proposta do Ministerio invade de xeito flagrante as competencias das diferentes administracións educativas na medida en que se centraliza a elaboración e o contido da proba, sen nin sequera facilitar a posibilidade de avaliar os contidos que lles corresponde fixar ás diferentes administracións educativas. Estamos ante unha proposta centralista e uniformizadora que, na práctica, supón que o estudo da cultura, da historia, da xeografía e da economía de Galiza deixe de formar parte do currículo e que, no mellor dos casos, se transforme en algo decorativo. Así as probas veñen deseñadas e traducidas de Madrid sen ter en conta a Administración nin o profesorado galego.
Por todos estes motivos, a CIG-Ensino reclama a retirada do proxecto, demándalle á Consellaría de Educación que non aplique as reválidas e que recorra o Decreto que as regula.
Finalmente, desde a CIG-Ensino propoñémoslle ao profesorado que NON COLABORE nin na aplicación, nin na corrección das probas, para así expresar o noso rexeitamento a unha medida que vai afondar nas desigualdades e na redución de oportunidades para o alumnado.
EMENDA PRESENTADA
Ningún comentario:
Publicar un comentario