martes, 21 de abril de 2015

Baixo o lema: “Galego, a nosa creación común”, doce carreiras pola lingua percorrerán 12 localidades galegas entre o 4 e o 15 de maio

A 15ª edición do Correlingua foi presentada hoxe en Compostela. No acto participaron 60 alumnos e alumnas de dous centros, gañadores dos certames de Vídeo e Manifesto.

A edición 2015 do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo, foi presentada esta mañá na Biblioteca Anxel Casal de Compostela.

Nesta presentación do Correlingua realizouse a entrega de premios ao alumnado gañador de cada un dos certames que foi:

- No certame de Vídeo:  alumnado do CPR Sagrada Familia de Aldán, Cangas.

- No certame de Manifesto: “@s Bokaneir@s”,  4º da ESO do CPI de Pontecesures.

O alumnado recolleu os premios manifestando a súa satisfacción por ter participado nunha actividade colectiva que, ademais, lles permitiu reflexionar sobre a nosa lingua.

O Correlingua, percorreará doce localidades galegas entre o 4 e o 15 de maio, baixo o lema:  Galego, a nosa creación común inspirado no poema A Fala de Manuel María.

O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para estes no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país. Nesta edición, e como novidade, estase a levar aos centros de ensino un posadoiro no que o alumnado poida sacarse fotos portando lemas a favor da nosa lingua.

No acto de presentación de hoxe, interviñeron en nome das entidades organizadoras Anxo Louzao, Secretario nacional da CIG-Ensino; Carme Vilariño, pola AS-PG; Marcos Maceira, Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; e Marta Dacosta, como presentadora do acto e representante do Correlingua. Desde a organización da actividade agradeceron a implicación e colaboración do profesorado e do alumnado participante e reclamaron o apoio de todas as institucións que teñen entre as súas funcións a defensa da lingua.

As e os intervinientes no acto incidiron na importancia de contarmos con actividades normalizadoras, que promovan a reflexión sobre a situación do noso idioma e incidan na sensibilización no seu uso, como mecanismo imprescindíbel para o seu futuro, algo especialmente necesario no actual contexto en que os datos estatísticos inciden na perda de falantes do noso idioma. Entendeuse que o Correlingua é un dos proxectos cos que se consegue aglutinar a un número moi alto de mocidade arredor dun elemento común, dalgo creado polo noso pobo, como é o galego. O propio alumnado reflexionou sobre a actual situación do idioma facendo un chamamento a actuar na procura de inverter a situación actual de perda de falantes.

Cada unha das doce carreiras rematará nunha festa final en que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua, outro dos certames do Correlingua, en que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado e o profesorado de diversos centros que seleccionaron como gañadores a Bocinazo, Monoulious Dop e Sacha na horta.

Nesta edición contaremos para conducir o acto da festa final co músico e escritor Xurxo Souto, autor do himno do Correlingua.

Máis información sobre os premios:

- Vídeo:  alumnado do CPR Sagrada Familia de Aldán, Cangas:

http://www.correlingua.org/noticias/o-premio-do-concurso-de-video-vai-para-cangas-do-morrazo


- Manifesto: “@s Bokaneir@s”,  4º da ESO do CPI de Pontecesures

http://www.correlingua.org/sites/all/arquivos/concursos/manifesto_cpi-de...


Máis información sobre o conxunto da actividade:

correlingua@correlingua.org

www.correlingua.org


Ningún comentario:

Publicar un comentario