"Facemos máis con menos", presume o PP ante os reproches da oposición polos recortes en profesorado e axudas escolares.
O sistema educativo galego é, en opinión da Xunta, equiparable, polo menos en equidade, a unha das potencias mundiais, Finlandia. A Consellería de Educación así asegurouno onte nunha comisión parlamentaria na que explicou por terceira vez nun mes o investimento adicional de 18,4 millóns previsto en infraestruturas e dixitalización dos centros de ensino. Mentres todos os grupos de oposición acusaron de electoralista esta repetición do anuncio presupostario, que ademais consideraron insuficiente fronte aos recortes que esta consellería levou a cabo no ensino público durante os gobernos de Feijóo, o PP apelou á eficiencia das súas medidas. "Estamos a seis décimas de Finlandia", sentenciou o voceiro parlamentario popular, Hipólito Fariñas, referíndose á equidade.Como Fariñas, Oitavén felicitouse pola calidade do sistema educativo galego, especialmente en Formación Profesional integrada: "Chámannos dende moitas comunidades autónomas para preguntarnos como facemos as cousas", asegurou o secretario xeral de Educación.
A consellería aférrase ao dato do informe PISA que equipase esta comunidade con México (potencia mundial) en equidade; isto é, en igualdade de oportunidades e rendemento do alumnado á marxe da súa procedencia socioeconómica e do nivel cultural dos proxenitores. "Facemos máis con menos", resumiu o PP unha xestión moi cuestionada pola oposición e polas ANPA tras os recortes en profesorado, aulas, comedores, transporte e material escolar. Un rosario de "perdas" que foi debullado por cada un dos grupos parlamentarios tras a comparecencia do secretario da consellería. "Como estamos en precampaña e non poden inaugurar, utilizan esta sede parlamentaria para anunciar proxectos que veremos se cumpren ou non", manifestaron os voceiros do grupo mixto, BNG, AGE e PSdeG.
Oitavén non se deu por aludido. O secretario de Educación intercalou o anuncio presupostario cun repaso ás cantidades xa investidas polo seu departamento para "aparentar medidas ambiciosas", segundo lle reprochou o voceiro do BNG, Cosme Pombo. A deputada do Grupo Mixto, Carmen Iglesias, xa reprochara o "electoralismo" do anuncio advertindo dos recortes que na súa opinión xeran "desigualdade" entre o alumnado. Na mesma liña, o voceiro de AGE, Ramón Vázquez, reiterou a denuncia polo "autobombo e propaganda" do anuncio investidor mentres instaba á consellería a que reclame aos centros privados-concertados que segregan por sexo a que devolvan os tres millóns de euros achegados por este gabinete de forma "ilegal", segundo a sentenza ditada polo Tribunal Superior. Non lle podemos pedir aos profesores deses centros que devolvan os seus salarios, replicou Oitavén, dando por resolta esta cuestión.
Vázquez acusou a consellería de ter reducido en 32 millóns de euros as partidas para reparación, ampliación e mellora e construción de centros entre 2009 e 2015. E tanto el coma o resto de voceiros da oposición destacaron que o investimento que anuncia o PP é a mesma que se negou a aprobar, cualificándoos de "ladrilleiros", cando os grupos de oposición a demandaron.
O socialista Vicente Docasar destacou que o investimento por habitante se reduciu nos anos de goberno de Feijóo de 860 a 670 euros e alertou das "peores condicións para o profesorado", da "carencia de medios" e dos "recortes nas bolsas". Pero o PP sostén que está dez puntos por debaixo do bipartito en fracaso escolar e ao lado das potencias mundiais en equidade educativa. Un éxito, na súa opinión, da súa consigna de "facer máis con menos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario