xoves, 23 de abril de 2015

Galicia, reserva da Biosfera

A cuarta parte da superficie galega é reserva natural da Unesco, con 6 territorios protexidos que suman 7.326 quilómetros cadrados.

Galicia é un pequeno gran prodixio da natureza. A cuarta parte da súa superficie, 7.326 dos seus 28.000 quilómetros cadrados, está declarado Reserva da Biosfera. É así unha das rexións da Terra con máis espazos protexidos pola Unesco: Área de Allariz, As Mariñas e Terras do Mandeo; Gerês-Xurés (compartida con Portugal); Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Terras do Miño.
O Programa Home e Biosfera foi iniciado pola Unesco en 1971. Busca o desenvolvemento sostible e identifica territorios representativos dos diferentes hábitats do planeta, abranguendo tanto ecosistemas terrestres como marítimos. Estes lugares ou áreas coñécense como reservas da biosfera. E selecciónanse polo seu interese científico, baseándose nunha serie de criterios que determinan se un espazo se inclúe no programa.
Galicia, coas súas 6 reservas, destaca a nivel planetario. Porque España é o segundo país do mundo en reservas da Unesco, con 45 fronte ás 47 de Estados Unidos. E Galicia é a terceira Comunidade con máis espazos protexidos. É superada por Andalucía (9) e Castela e León (8), pero ambas as dúas con moita máis extensión xeográfica. Canarias (6) iguala o rexistro, pola singularidade dunhas illas que reúnen varios de ecosistemas únicos.

Área de Allariz

Allariz, espazo do Rexo, dentro da reserva da Biosfera.
Allariz, espazo do Rexo, dentro da reserva da Biosfera.
No corazón de Ourense. Abrangue os concellos de Allariz (bisbarra de Allariz-Maceda), A Bola (Terra de Celanova), Vilar de Santos e Rairiz de Veiga (A Limia). Segundo o padrón oficial, algo menos de tres mil habitantes no concello de Allariz e outros sete mil repartidos en pequenos núcleos de poboación. Só no concello de Allariz existen oitenta pequenos núcleos de poboación. É un mosaico humano e natural elaborado con séculos de paciencia campesiña. O labor humano ao redor da auga configura esta paisaxe. Dous son os ríos principais da reserva con camiños diferentes: Arnoia, tributario do Miño, e Limia, compartido con Portugal.
Nesta zona predomina o bosque plano caducifolio de zonas mornas con mosaico de prados e canles de auga, e unha longa historia de presenza humana con transición cara a ecosistemas mediterráneos. Na Reserva existen paisaxes sobresaíntes, multitude de sitios arqueolóxicos romanos e prerromanos, con zonas de montañas de baixa altitude arborizadas e humidais (Lagoa de Antela) de grande importancia. Entre a fauna de vertebrados cabe destacar o lobo, a londra, poboacións de aves acuáticas de importancia e un alto índice de formas, sobre todo de anfibios, que constitúen endemismos ibéricos.

As Mariñas e Mandeo

Os cantís no mar na costa de Oleiros.
Os cantís no mar na costa de Oleiros.
Esta Reserva da Biosfera ten unha superficie de 116.724 hectáreas. Abrangue dúas grandes concas fluviais, dos ríos Mero e Mandeo, e contén ecosistemas costeiros e de montaña que dan acubillo a unha gran diversidade biolóxica.
A zona tamén conta cunha gran diversidade cultural relacionada co uso dos recursos naturais e a conservación das razas de gando locais
A área comprende os concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Sada e Sobrado dos Monxes.
Dentro da reserva inclúense varios lugares de importancia comunitaria da Rede Natura 2000, como Betanzos-Mandeo, o esteiro do río Baxoi, o encoro de Abegondo-Cecebre, as brañas do Deo, a serra da Cova da Serpe, a Costa de Dexo-Serantes (tamén declarada monumento natural) e o tramo arteixán da Costa da Morte.

Ancares lucenses

Val do río Ser, nos Ancares, en Navia de Suarna.
Val do río Ser, nos Ancares, en Navia de Suarna.
Desde Os Ancares ata os Picos de Europa esténdese a Gran Reserva da Biosfera da Cordilleira Cantábrica, formada coa suma das diferentes unidades xa declaradas e as que se engadan no futuro. Os Ancares lugueses son o seu límite occidental, plurais como a súa diversidade; máxicos por natureza. Pallozas e as pegadas dun xeito de vida ancestral son os valores etnográficos deste gran espazo natural. Os ríos da vertente galega son Navia, Rao e Ser; os altos, entre outros, Mustallar e os Tres Bispos.
Destacan as grandes masas arbóreas de carballos e bidueiros, con presenza de acivro, especie protexida en Galicia, e dalgúns aciñeirais (Aciñeiral de Cruzul). Os Ancares lucenses son ademais o límite occidental da faia en Europa (HayedoPintinidoira), e presentan zonas de turbeiras de alvéolo de gran valor para apaleopolinología. Contén 35 tipos de hábitats de flora de interese comunitario, dos que 10 son de interese prioritario, e especies en vía de extinción como o fento Lycopodiella inundata e o briófito Zygodon conoideus.
Algunhas especies de alto valor para a conservación habitan a reserva, como o cangrexo de río europeo, a pita do monte, e o oso pardo. A práctica da gandaría extensiva e a abundancia de ungulados silvestres permitiron que os lobos se mantivesen na rexión.

Terras do Miño

Os ríos constitúen o espectáculo das terras do Miño.
Os ríos constitúen o espectáculo das terras do Miño.
A Reserva da Biosfera abrangue desde as serras do norte ata o sur da cidade amurallada. En total, o corenta por cento da provincia de Lugo, que conta ademais con outras dúas reservas declaradas pola UNESCO, e máis da metade da súa poboación.
As rutas da auga conectan e aproveitan os camiños de Santiago: o Camiño Francés, no límite sur da reserva; o Camiño Primitivo, que atravesa a cidade de Lugo; e o Camiño do Norte, procedente da cornixa cantábrica.
A Reserva da Biosfera Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia (2002) e a segunda máis grande da Península Ibérica. Inclúe 26 municipios integrados na Cuenca Alta do río Miño:Ourol, ou Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade,Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte,Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol,Castroverde, Guntín, ou Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara, ocupando o 39% da provincia de Lugo, cunha superficie total de 363.668 ten, constituíndo unha das Reservas da Biosfera máis poboadas de España.

Río Eo e Terras de Bourón

Paisaxe na reserva da Biosfera do río Eo e Terras de Bourón.
Paisaxe na reserva da Biosfera do río Eo e Terras de Bourón.
No límite da comunidade autónoma de Galicia e o Principado de Asturias. Sete concellos galegos: Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz; e sete asturianos: Castropol, Vegadeo, Taramundi,San Tirso de Abres, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos e San Martín de Oscos.
Reúne espazos cun ámbito de gran valor paisaxístico e ambiental, con áreas de media montaña como a parte setentrional da Serra dousAncares; fluviais, co río Eo como eixe central; e marítimos, ao contar coa ría de Ribadeo e a súa costa próxima. Na bisbarra vense integrados a elas os municipios de Ribadeo, Trabada e A Pontenova.

Xurés-Gêres

Miliarios romanos no parque do Xurés.
Miliarios romanos no parque do Xurés.
É esta unha das reservas transfronteirizas meirandes da Unión Europea. As matas da Albergaría, do Cabril, do Beredo e Ramiscal son espazos de acceso restrinxido dentro do Parque Nacional luso e que figuran como un dos mellores bosques peninsulares; ao igual que a fraga da Barxa, na zona de reserva do Parque Natural galego.
A flora do parque caracterízase polas amplas matogueiras e o bosque caducifolio, con cerquiño (Quercus pyrenaica), bidueiros (como Betula celtibérica), e elementos mediterráneos coma sobreiras, aparecendo o érbedo e o acivro en alturas máis elevadas. Existen varios endemismos vexetais, entre os que podemos citar o acereiro (Prunus lusitanica), especie que coloniza barrancos e outras áreas de gran humidade ou o lirio de monte ou lirio do Xurés.
Entre os anfibios e réptiles podemos citar á pínteaga rabilarga, a lagarta ibérica e, a culebra viperina. Os dous encoros situados no Parque son o hábitat de importantes poboacións de aves: mergullón pequeno, lavanco e tartaraña cincenta son algunhas delas. Tamén se observa a presenza de aguia real, falcón pequeno, azor, tartaraña, gabián, aguia cobreira, lagarteiro, cuco, peto real e cirrio común. Ademais de especies cinexéticas como xabarín, corzo, paspallás, lebre ou coello, os mamíferos están representados polo lobo, musgaño común, tourón, londra, xeneta, gato montés e donicela. Nos cursos de auga aparece a troita.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario