xoves, 9 de abril de 2015

O Ministerio de Educación estudará variar os criterios de avaliación da produción científica no relativo ao uso do galego

O documento, coordinado pola profesora Alba Nogueira (Investigación e lingua. Proposta para a mellora da presenza do galego na actividade científica), concluíu que a presenza do galego era escasa en todos os planos da actividade investigadora e académica, en boa medida porque os indicadores internacionais de avaliación favorecen a publicación en inglés e marxinan as linguas cooficiais.
Tomando como punto de partida as conclusións deste estudo, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acordou remitirlle ao Ministerio de Educación dous documentos para potenciar o uso e o recoñecemento dos idiomas cooficiais nas publicacións científicas, dúas propostas que foron asinadas o pasado decembro polo reitores das tres universidades galegas, Juan Viaño, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato.
Tratábase, basicamente, dunha proposta xeral e conxunta para a modificación dos criterios de avaliación da actividade investigadora no relativo ao uso das linguas cooficiais en publicacións científicas, a fin de lograr unha avaliación das contribucións redactadas nas linguas cooficiais equiparable á de calquera outra contribución e centrada na súa calidade científica, con independencia da lingua en que estea escrita. Actualmente, os sistemas de indexación internacional de publicacións teñen cada vez máis en conta o emprego do inglés como lingua asociada ás revistas de maior prestixio e difusión. Con esta iniciativa, preténdese evitar que as contribucións científicas non redactadas en español nin en linguas internacionais do coñecemento científico sexan invisibles nos procesos de avaliación da actividade investigadora.
Entre as suxestións que fornecía o informe para reverter a situación destacaban a introdución de incentivos retributivos polo uso da lingua, que se pode converter nun "estímulo eficaz" para acompañar os plans de normalización nas universidades, sobre todo nun momento de recortes salariais. Tamén se propoñía que o uso do galego nas aulas sexa unha das variables do financiamento por obxectivos das universidades.
Igualmente, propoñíase apoiar a tradución ou publicación de monografías científicas en galego, apostando por que a Xunta apoiase economicamente "un grupo seleccionado de publicacións que usen o galego". O documento pechábase lembrando que "a divulgación do coñecemento científico na sociedade, especialmente dirixido a escolares, é tamén un xeito de asociar o galego a rexistros de prestixio".

Máis información en Praza Pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario