mércores, 22 de abril de 2015

Nova división a conta da lingua galega

A Xunta presenta bases para dinamizar o galego no sector socioeconómico ante as críticas da oposición que di que un novo proxecto “propaganda” do Goberno galego. Novo cruce de acusacións a conta do decreto do plurilingüismo. 

O novo plan de dinamización e promoción da lingua galega no sector socioeconómico volveu dividir á Xunta e aos grupos da oposición. Foi este martes, nunha comisión parlamentaria, cando o secretario de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer as bases que rexerán ese novo plan.
 
Un plan que PSdeG, AGE e BNG cualificaron de “propaganda” e  volveron insistir na necesidade de que se poña en práctica o Plan de Normalización Lingüística aprobado na época de Fraga. De feito, aproveitaron a intervención de García para denunciar o decreto do plurilingüismo.
 
Un feito que obrigou ao secretario xeral de Política Lingüística a insistir en que os cambios propostos polo TSXG na súa sentenza foron introducidos no decreto, que "funciona con normalidade no ámbito educativo", concretou. En todo caso, referiuse tamén ao recurso ante o Tribunal Supremo da Real Academia Galega e dixo que "esa sentenza é contundente: di que o decreto está perfectamente axustado ao Estatuto, á Lei de Normalización Lingüistica e á Carta Europea das Linguas Rexionais Minoritarias".
 
“Chega a dicir que non é atribuíble ao decreto o resultado das enquisas do Instituto Galego de Estatística sobre o coñecemento da lingua galega”, dixo sobre o polémico estudo que tanto quebracabezas lle deu á Xunta de Galicia nos últimos meses. Unhas explicacións que, obviamente, non compartiu a oposición que volveu criticar este decreto de Feijóo.
 
Sobre o novo plan de promoción do galego no sector socioeconómico dixo que é "un documento estrutural básico". "Non esperen medidas moi elaboradas, nin moito menos pechadas", sinalou García, e avanzou: "Teremos máis oportunidades de falar. Vimos aquí a buscar consenso”, apuntou sobre un documento que xira ao redor da visibilidade, a promoción e a participación.
 
Entre as medidas que serán adoptadas, García informou de que se apoiará a creación dunha rede de empresas para o fomento da lingua galega, realizaranse actividades informativas, promocionarase o galego na etiquetaxe, e realizaranse accións de promoción da lingua no marco da responsabilidade social-empresarial, entre outras. Segundo as previsións que manexa a Secretaría Xeral, está previsto que o plan definitivo se presente  ao Consello da Xunta para a súa aprobación no último trimestre de 2015.
 
Pero as explicacións non convenceron á oposición. Ana Pontón, do BNG, considerou a comparecencia a petición propia de Valentín García no Parlamento como "unha mostra máis do cinismo do PP en materia lingüística". "Un plan pantasma que se nos di que é súperparticipativo e que a oposición non coñece", dixo.
 
O parlamentario de AGE Xabier Ron cualificou de "xogo retórico" que "foxe das concrecións" a comparecencia do secretario xeral. "Se hai un plan ese é o Plan de Normalización Lingüística", sinalou Ron e espetou que non se pode entender un plan específico cando as estruturas básicas se desmoronan con continuos recortes en materia de normalización lingüística".
 
O socialista Vicente Docasar censurou que a Secretaría Xeral lle pida ao tecido económico "que faga cousas que o propio Goberno non fai no ámbito das súas competencias". "Non imos ser cómplices da liquidación da política orzamentaria para a lingua galega", resaltou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario