mércores, 8 de abril de 2015

Sexualidade na aula

Sobre sexo poderíavos falar sen dúbida como biólogo, en clave evolutiva. Fágoo porén nesta ocasión dende a perspectiva antropolóxica, no papel dunha persoa "de ciencias" (naturais) que sucumbe á tentación de explorar territorio alleo.


A simple mención do nome do etnólogo de orixe xudía Claude Lévi-Strauss é abondo para baixarlle a libido a moita xente. A Simone de Beauvoir causáballe graza que tivese por costume previr ó seu alumnado, con voz neutra e aceno impasíbel, contra a tolemia das paixóns. Calquera parecido cun publicitario de jeans semella pura coincidencia. Pódese ler tamén que pasou o excitante maio do 68 pechado no seu gabinete da Sorbona, absorto na concienciuda análise dos costumes de tribos ágrafas coma os Bororo os Nambikwara ou os Caduveo do Brasil.
 
Mais doutra banda, Claude Lévi-Strauss recoñeceu abertamente unha grande influencia de Sigmund Freud na conformación do seu pensamento. Apoiándose no pai da psicanálise e da preeminencia do sexo na nosa conduta, defendeu de xeito polémico que a antropoloxía non estuda outra cousa cá actividade inconsciente do espírito humano. De feito, dedicou a súa cumprida tese de doutoramento á análise do tabú do incesto, nun extenso volume que había de ser publicado baixo o título de Estruturas Elementais do Parentesco.
 
E resultou que Simone non puido resistirse ó morbo de estudar os arredor de 600 folios do bosquexo da devandita tese, antes da súa publicación, para darlle os últimos retoques ó seu glorioso O Segundo Sexo. Cambiamos as tornas e vemos agora a Simone a través dos ollos de Claude, quen nos fala dunha ocasión na que esta o visitou na súa morada. El amosoulle fachendoso o seu fillo, e ela ollou con repugnancia o berce do bebé, facendo patente que non o consideraba cousa ningunha da que se gabar.
 
Efectivamente, na vida de Simone non habería lugar para a maternidade. A relación co seu compañeiro sentimental, Jean-Paul Sartre, decorría por camiños ben afastados da crianza. Eventualmente, ambos os dous se declararían arrepentidos do dano psicolóxico causado a estudantes, de quen tiñan feito uso sexual. Se cadra, non resulta finalmente tan ridículo pórmoslle algunha cancela á tolemia das paixóns.
 
O tabú do incesto, a prohibición de relacións sexuais intrafamiliares (que se dá en diferentes graos nas distintas culturas), condiciona o establecemento de alianzas de parentesco entre familias, evitando que estas se pechen sobre si mesmas. Conforma daquela a pedra angular que sostén o arco social, un ámbito de convivencia que transcende os límites familiares. Dende esta perspectiva antropolóxica das sociedades como maquinarias pesadas, ancoradas en estruturas sólidas, Claude Lévi-Strauss percibiu eivas de inxenuidade, excesiva retórica e mesmo acenos de sionismo na tentativa de transformación de maio do 1968 en París. Defendeu en calquera caso coa súa extensa e revolucionaria obra a autorregulación como forma de organización social, en base a preceptos ineludíbeis como a responsabilidade e a solidariedade.
 
Neste ano de 2015, fálase de sexualidade na Aula Castelao de Filosofía, durante a XXXII Semana Galega de Filosofía. Preséntase neste marco, no 8 de abril ás 16:30h, o libro Ás Voltas coa Diversidade Cultural, no que Edicións da Curuxa recolle as conferencias nas que, por encomenda da UNESCO, Claude Lévi-Strauss elaborou o argumentario antirracista de consenso internacional. Tamén en Pontevedra e no mesmo día, ás 20:00h, a Libraria Paz acolle unha reedición da presentación deste libro para todos os públicos.
José M. Castro

Ningún comentario:

Publicar un comentario