xoves, 23 de abril de 2015

95.000 rapaces son vítimas da pobreza infantil en Galicia

UXT e Comisións demandan unha nova prestación social para os máis necesitados. Na comunidade autónoma, o gasto desta axuda suporía, segundo calculan as centrais, menos do 1% do Produto Interior Bruto.

Máis aló do dato oficial de paro estimado, 21 por cento en Galicia, a cifra de parados ascende nesta autonomía a 252.137 persoas, das que 133.852 son mulleres. O desemprego entre os máis mozos, menores de 25 anos, era a finais de 2014 do 50,1 por cento. E o número de fogares galegos nos que todos os seus integrantes activos están en situación de desemprego situábase a comezos de ano en 88.400.
 
Ante esta situación, UXT lembra que "o Estado correspóndelle, dentro da súa función redistributiva, intervir na economía co obxectivo de mudar a distribución da renda, conforme aos principios de solidariedade e igualdade socia". Como medida concreta, este sindicato, e tamén Comisións Obreiras, reclaman "garantir uns ingresos mínimos a todas aquelas persoas que poden e queren traballar pero non atopan onde, polo que carecen de recursos que lles permita vivir con dignidade e a quenes os actuais instrumentos de protección social non dan resposta".
 
A renta social demandada polo Sindicato dirixiríase aos máis de 90.000 fogares que en Galicia teñen unhs ingresos inferiores aos 5.400 euros anuais. Isto suporía para o Estado, un gasto estimado en Galicia de 460 millóns de euros calculados en base aos beneficiarios potenciais, o que suporía o 0,8 por cento do PIB.
 
En Galicia, máis de 656.000 persoas atópanse en risco de pobreza ou exclusión social e a pobreza severa afecta a 90.000 persoas. Todo elo, nun contexto de forte incremento do número de fogares sen ingreso algún, do aumento do número de parados de longa duración e da redución das taxas de cobertura no sistema de desemprego. Pero é que, se podemos falar dun sector da poboación no que as taxas de pobreza póñense máis de manifesto, é entre os menores de 16 anos, onde a pobreza infantil ascende en Galicia a un 27,4 por cento, o que supón que 95.000 nenos e nenas son vítimas desta lacra.
 
As prestacións por desemprego só protexen ao 49,5 por cento dos traballadores desempregados. No eido da protección que se ofrece dende a Administración galega coas rendas mínimas de inserción, reflíctese unha taxa de cobertura que apenas supera o 5,6 por cento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario