venres, 10 de abril de 2015

O Ministerio de Interior emprega topónimos deturpados nos documentos de identidade

Villaframil, Aguajosa ou Quenje son algúns dos exemplos dos topónimos deturpados que continúan a aparecer nos documentos de identidade expedidos polo Ministerio do Interior. A Mesa esixe que só se usen os nomes correctos das localidades nestes documentos oficiais.

Trinta anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística na que se recollen como únicas formas válidas os topónimos galegos, o Ministerio de Interior continúa a deturpar os nomes de localidades do país na expedición dos documentos oficiais de identidade.
Diversas queixas recibidas na Mesa pola Normalización Lingüística, con proba documental dos propios billetes de identidade, engaden a esta circunstancia a dificultade que as persoas usuarias teñen para facer valer a legalidade e conseguir o documento coa forma correcta do topónimo. “Cónstannos que se lle están poñendo problemas para que o topónimo apareza en galego, a única forma válida. A situación vense reiterando desde hai anos mais aínda hoxe continúa sen solución”, explica Marcos Maceira, presidente da MNL.
Para a asociación en defensa da lingua, “a única solución posíbel é que se cumpra a legalidade e se corrixa esta situación incomprensíbel desde unha entidade oficial”. A Mesa dirixirase ao Ministerio de Interior para reclamar o cumprimento da lei e a utilización correcta dos topónimos galegos.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario