venres, 24 de abril de 2015

“Os neofalantes teñen que crear os seus espazos en Galicia ou Escocia”

Os retos e os desafíos dos neofalantes. Ese foi un dos principais temas que abordaron máis de 50 expertos de varios países europeos nun encontro que tivo lugar en Vigo. Bernadette O’Rourke, presidenta dunha rede europea centrada no estudo deste fenómeno, destaca as dificultades que existen en varios estados europeos cos novos falantes das linguas minoritarias. 

Mais de 50 estudosos e estudosas que integra a rede europea de investigación centrada no multilingüismo, Novos falantes nunha Europa multilingüe: oportunidades e desafío, abordan este xoves e venres en Vigo os retos e oportunidades relacionadas con tres procesos que atinxen aos neofalantes no contexto europeo: a adquisición lingüística, o uso lingüístico e a percepción social,.
 
Na inauguración do encontro, a presidenta e vicepresidente da rede, Bernadette O’Rourke e Joan Pujolar, así como o organizador do evento e docente da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, incidiron na importancia deste encontro e na necesidade de mobilizar aos e ás investigadoras arredor do concepto de neofalante. 
 
Aínda que na actualidade non existen cifras de cantos neofalantes existen en Europa, os e as especialistas na materia recoñecen tanto as oportunidades individuais, relacionadas con cuestións como a mobilidade ou a integración comunitaria, como as colectivas, particularmente se se fala de procesos intensos de minorización lingüística, como é o caso de Galicia.
 
Persoas multiligües que utilizan frecuentemente, e ás veces, de xeito, case exclusivo, unha lingua diferente a súa lingua materna”. Estes son, segundo Fernando Ramallo profesor de Lingüística da Universidade de Vigo e organizador do encontro da rede europea, os trazos que definen a un ou unha neofalante, persoas nas que ademais se produce un reaxuste nas súas prácticas lingüísticas, e con frecuencia, na súa construción identitaria, na procura do seu espazo sociolingüístico.
 
“Para o futuro do galego, o neofalantismo é de capital importancia na medida en que as variedades tradicionais do idioma sufriron unha histórica exclusión das prácticas lexitimadas e do poder, que derivou nunha ben coñecida ruptura inapelable do proceso de transmisión lingüística interxeracional”, explica Ramallo.
 
Pero, como se ve a situación do neofalantismo fóra de Galicia. Certamente, o caso galego é particular e peculiar, segundo apunta Bernadette O’Rourke,especialista en estudios lingüísticos da Heriot-Watt University,que salienta as dificultades que existen en diversos estados europeos para os neofalantes.
 
Cales son os obxectivos destes "meettings"?
Eu son a Presidenta dunha rede europea financiada pola Unión Europa e COST, e xunto co Vice Presidente Joan Pujolar, de Catalunya. coordinamos un plan de traballo de 4 anos sobre o multilingüismo en Europa cun enfoque especial nos neofalantes. Tivemos a primeira reunión en Edimburgo en 2014 na Universidade de Heriot-Watt e a segunda en Barcelona. Pensamos que Vigo podia ser un bo lugar para a terceira reunión porque a idea para o proxecto ven do concepto do neofalante galego.
 
O fenomeno do neofalante é moi diferente segundo os estados europeos, que diferencias atopas ti entre o caso galego e o caso escocés ou irlandés?
O caso galego é bastante particular. Os neofalantes do galego poden abandonar o español como lingua principal porque as linguas en contacto son similares. Pode ser por iso que é bastante habitual que unha persoa fale en español e a outra en galego. No caso escocés ou irlandés iso non pasa porque a lingua de contacto ( o ingles) é moi distante lingüisticamente. Pasa algo similar co vasco. Aínda asi, vemos problemas similares como a lexitimidade do neofalante como falante 'de verdade'.
 
E, segundo o teu criterio, que políticas se deben realizar por parte dos estados?
Fai falta unhas políticas máis fortes que creen espazos para o uso da lingua por parte dos neofalantes. No traballo de campo que teño feito en Galicia igual que en Irlanda (con John Walsh) e Escocia (con Wilson McLeod), moitos neofalantes falan do esforzo quen teñen que facer para buscar outras falantes e lugares para utilizar a lingua. En Vigo falei con moitos neofalantes e comentaron que son eles mesmos os que teñen que crear os seus propios espazos. Tamén pasa en Irlanda e Escocia.
 
E segundo ti, que papel deben xogar na conservación da lingua os medios de comunicación?
Teñen unha función moi importante para o mantemento da lingua. Moitos neofalantes comentan que a presencia da lingua é escasa.
 
Ti tes unha longa experiencia neste campo e que cres que diferencia un neofalante dun falante tradicional?
No caso de moitas linguas minoritarias europeos hai cada vez menos falantes tradicionais e cada vez máis neofalantes.  Nalgúns contextos os falantes tradicionais (sobre todo os vellos) poden ter un incomodo coas variedades dos neofantes e dinnos que son artificiais, que é unha variedade de 'libro'. E é verdade que os neofalantes aprenden do libro, sobre todo ao principio, porque aprenden o estándar e aprenden dunha forma máis formal na escola.
 
E cal debe de ser o papel dos neofalantes para perpetuar unha lingua?
Teñen un papel fundamental no futuro da lingua. En xeral están máis concienciados e queren revitalizar a lingua e teñen un papel importante en defender a sua lingua e cultura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario