O Colexio de Fonseca de
Santiago acolleu este martes a presentación da web rgcud.gal,
a páxina específica da Rede Galega de Cooperación Universitaria
para o Desenvolvemento, RGCUD, unha iniciativa posta en marcha o ano
pasado polas nosas tres universidades co obxectivo de tirar proveito
de toda a súa bagaxe acumulada en materia de impulso socioeconómico
(unha bagaxe por partida tripla) para fomentar conxuntamente o
progreso en múltiples contornas xeográficas. A páxina web servirá
entre outras cousas para facer visíbel o que por desgraza fica
moitas veces no anonimato: as accións que abrollan das nosas
comunidades universitarias co obxectivo último e fundamental de
crear un mundo mellor e máis xusto.
Asemade, búscase con
este portal “o xurdir de sinerxías que melloren o impacto das
actuacións”. Desta maneira, informouse no Colexio de Fonseca, “a
RGCUD pon a disposición dos campus galegos e da sociedade por
enteiro unha base de datos de accións de cooperación e
desenvolvemento executadas con participación universitaria,
achegando tamén un plan de formación anual destinado aos campus e
informando asemade sobre as convocatorias existentes”.
Na presentación da web
interviñeron o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión
Europea, Jesús Gamallo, e a técnica do Servizo de Integración e
Participación Universitaria da USC, Carolina Lodeiro, quen falou do
pasado, o presente e o futuro da Rede Galega de Cooperación
Universitaria. Segundo lembrou, a intención da posta en marcha deste
portal é conseguir que as tarefas para o pulo do desenvolvemento
adquiran total visibilidade, perante a cidadanía e perante as
propias comunidades universitarias. Asemade, Lodeiro debullou os
elementos da páxina web, que dixo que ten unha estrutura moi sinxela
(todo está á vista, sen atrancos, co mínimo número de clics) e
que salienta por acubillar unha base de datos pública que abrangue
case 500 accións de cooperación incorporadas. Asemade, destacou que
a páxina incorpora “un motor de busca moi potente que é unha das
pezas clave do portal e que nos permite facer procuras moi detalladas
e específicas por tipoloxía ou por temáticas”. Segundo fixo
saber, “queremos usar a rede, precisamente, para impulsar o
traballo en rede”, que é a chave da cooperación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario