Uns 22.000 alumnos de terceiro de Primaria deberían levar a cabo a proba o 27 e 28 de maio en 800 centros educativosA Xunta insiste en que a proba é moi semellante á que xa se realiza en cuarto de Primaria e, aínda que este ano é orientativa, pretende achegar datos de resultados individuais por alumno, unha información que asegura que será "estritamente privada" e que só coñecerán pais e titores. Rodríguez definiuna como "ferramenta metodolóxica" para actuar en base a esa información e mellorar o proceso educativo.
Sindicatos e organizacións de anpas coinciden en rexeitar esta proba, que cren que "entra en contradicción coa avaliación continua" ao "someter a un estrés innecesario a alumnado de oito anos de idade e porque cos resultados destas probas tense previsto establecer ránkings que servirán a posteriori para determinar que centros deben levar máis recursos, rompendo os principios de equidade e igualdade de oportunidades". Así o manifestan, entre outros, o STEG, CIG-Ensino, Confapa e Anpas Galegas sobre unha "reválida" que debe pasar todo o alumnado, incluído os que teñen necesidades educativas especiais, e que avaliará as competencias lingüísticas en galego e en castelán, así como en matemáticas, cuxa proba será en español como a materia.
Sindicatos educativos e anpas censuran o "estrés innecesario" aos pequenos e a "ruptura dos principios de equidade e igualdade de oportunidades""É unha presión e un estrés innecesario a rapaces de oito anos", coinciden as federacións de anpas, que ven na proba unha intención de elaborar "ránkings" e provocar a "segregación" e o "beneficio final da educación privada". Helena Gómez, presidenta da Confapa, aclara que a súa organización xa enviou uha carta ao conselleiro de Educaicón e ao Consello Escolar de Galicia pedindo que expliquen "que reforzos se van poñer en marcha no caso de que algún centrou ou alumno non supere a proba". "Non houbo resposta", insiste, polo que desde a súa entidade xa puxeron a disposición das familias un escrito para que envíen ao director do centro dos seus fillos e ao consello escolar para "prohibir que se lle faga a proba" ao alumno no caso de que non se dea resposta á cuestión.
A Confapa promove que os pais envíen unha carta aos centros para "prohibir que se lles faga a proba" aos seus fillosSerá esta unha das formas coas que se intentará evitar que os alumnos pasen unha "reválida" que boa parte da comunidade educativo considera "innecesaria e prexudicial". As Anpas Galegas, pola contra, coinciden no rexeitamento e "entende e comprende" o boicot que pretende algún sindicato, pero cren que "é moito máis eficaz facer unha denuncia conxunta" desta proba.
Porque foi STEG quen propuxo claramente o boicto a unha proba que, como recordan, a partir do curso 2015-16 limitarán tamén "as opcións de continuación de estudos en niveis superiores para o alumnado que obteña malos resultados nelas". "Condenarán desde 3º de Primaria a unha parte non pequena do alumnado ao fracaso escolar e á exclusión", din. Por iso, pide aos claustros e consellos escolares que se "pronuncien masivamente" contra a realización destas reválidas e solicita ás nais e pais do alumnado que non os leven ao centro educativo ese día para "amosar o desacordo coa devandita proba e reivindicar a súa eliminación".
O STEG propón non levar os nenos á clase ese día e a CIG propón aos docentes que "non colabore" na aplicación nin correcciónÉ a súa maneira de "esquivar ou eludir" as probas, tras advertir que "non realizalas non acarreará consecuencias legais nin académicas" ao ser este ano de carácer orientativo. A posibilidade de que o PP perda a maioría absoluta e a lei educativa volva ser modificada engade sentido, segundo STEG, ao boicot a esta proba.
O sindicato tamén advertía das intencións da Xunta de que fosen os docentes quen corrixan os exames, o que iría contra a propia Lomce, que impón unha "avaliación externa". O conselleiro Román Rodríguez aclarou que para a realización da proba constituirase en cada centro unha comisión de coordinación e que serán despois os seus equipos de profesores os que procedan a avaliación, pero non dos seus alumnos.
"Nada extraordinario nin rarísimo"
CIG-Ensino, pola súa banda, xa presentou unha emenda á totalidade perante a Permanente do Consello Escolar do Estado para reclamar a retirada do proxecto de real decreto polo que se regulan as probas da avaliación final de Primaria, Secundaria e de Bacharelato. Advirte que estas probas supoñen "unha nova discriminación social, xa que só pretenden medir resultados, sen ter en conta o contexto e as circunstancias económicas, culturais e familiares, nin as carencias e necesidades para conseguir os resultados necesarios".Así, o sindicato nacionalista xa "propón" ao profesorado que "non colabore nin na aplicación, nin na corrección das probas, para así expresar o noso rexeitamento a unha medida que vai afondar nas desigualdades e na redución de oportunidades para o alumnado".
Desde Educación, non obstante, Román Rodríguez insiste en que non se busca "nada extraordinario nin rarísimo" e que a información que se obterá "nunca sobra". O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, aclarou que a reválida só será "un referente máis" pero non "determinante". "É unha mellora sobre o que había, claramente, como indica o nome da lei", rematou o conselleiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario