martes, 28 de abril de 2015

Campaña para reivindicar atención en galego nos centros de chamadas

Así o comunicaron nunha rolda de prensa o presidente da Mesa pola Normalización Linguística, Marcos Maceira; o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero; e a responsable de Centros de Chamadas no sindicato, Laura Pérez Figueroa, que sinalaron que con esta iniciativa, recollida baixo o lema ‘Queremos atención en galego. Queremos traballo aquí', se "remataría coa discriminación do idioma nesta materia".
Acerca destas denuncias sobre discriminacións, puxeron como exemplo que hai opcións "non reais" de atención en galego e "coaccións" ante o uso deste idioma non só en centros de chamadas de empresas, senón "mesmo en organismos ou servizos dependentes da Administración pública como resultado das privatizacións".
Segundo manifestaron, as grandes empresas que operan en Galicia e subcontratan a atención telefónica "na última década apostaron" polo peche dos centros de chamada na comunidade e deslocalizaron o servizo cara a terceiros países. Así, aseguraron que co galego "esta deslocalización foi aínda máis grave debido ao uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais".
DESTRUCIÓN DE 2.000 EMPREGOS
Como consecuencia, cifran que entre 2010 e 2012 se destruíron ao redor de 2.040 empregos, polo que destacaron a importancia desta campaña, que suporía "a creación de emprego nun sector amplamente feminizado e no que traballan moitos mozos".
Nesta iniciativa terá protagonismo a acción individual, para o que distribuirán cartóns postais para enviar ás compañías para que garantan o uso "real" e preferente do galego e incidirán na necesidade de solicitar que toda a documentación estea en galego. Ademais, recollerán sinaturas con mesas e por Internet, e remitirán reclamacións colectivas ante as grandes compañías.

Información tirada de Galicia Hoxe e Galicia Confidencial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario