mércores, 29 de abril de 2015

Acelérase o envellecemento de Galicia

O envellecemento da poboación galega acelerouse nos últimos anos e, ao finalizar 2014, a media da poboación galega situouse nos 45,9 anos, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Paralelamente, as provincias interiores, Lugo e Ourense, continúan a súa despoboación.
O índice de envellecemento, que calcula o número de persoas de 65 ou máis anos por cada 100 persoas menores de 20 anos, desprende que en Galicia hai 149,3 persoas maiores. "O seu continuo crecemento (do índice) dende o ano 1975 reflicte a velocidade de envellecemento da poboación de Galicia nos últimos anos", destaca este instituto.
Deste xeito, a idade media de 45,9 anos sitúase dous anos e medio por enriba da que tiña en 2004, que era de 43,4 anos, tal e como recollen os datos demográficos.
A área máis nova é a provincia de Pontevedra, cunha idade media de 44 anos; seguida pola Coruña, con 45,6 anos; Lugo, con 49 anos; e Ourense, con 49,5 anos.
No referente á repartición por tramos de idade, o groso da poboación galega, o 60,64 por cento desta, sitúase entre os 20 e os 64 anos. Os máis mozos, menores de 20 anos, representan o 15,78 por cento do total, e as persoas de 65 ou máis anos o 23,58 por cento.
DISTRIBUCIÓN XEOGRÁFICA
As provincias da Coruña e Pontevedra continúan aumentando a súa poboación, e en 2014 representaron o 75,9 por cento do total da poboación galega.
En concreto, A Coruña concentra o 41,3 por cento; Pontevedra, o 34,6; Lugo o 12,4; e Ourense, o 11,7. O aumento da poboación nas provincias atlánticas constátase se se comparan estes datos cos do ano 2004, que situaban á Coruña cun 40,7 por cento do total poboacional da comunidade; Pontevedra, cun 33,8; Lugo, cun 13,1; e Ourense, cun 12,4.
No que respecta á densidade de poboación, indicador que mide o número de habitantes por quilómetro cadrado, a densidade media para a comunidade foi de 92,9 habitantes. As maiores densidades sitúanse nas provincias occidentais, cos 211,4 habitantes por quilómetro cadrado que ten de media Pontevedra, ou os 142,6 da Coruña, fronte aos 44,2 de Ourense ou os 34,7 de Lugo.
PESO RELATIVO
Ademais, o ano 2014 deixou en Galicia unha diminución do peso relativo da poboación galega respecto á poboación total de España. En concreto, a poboación galega representa o 5,9 por cento do total poboacional no conxunto estatal.
Desta forma continúa a caída do peso da poboación galega no conxunto da poboación estatal. No ano 2004 representaba o 6,4 por cento do total nacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario