Esta semana soubemos de
dúas novas aplicacións galegas cunha chea de vantaxes e recursos
para os seareiros da música, e facendo especial fincapé nos
seareiros máis cativos: Play
Ópera e Imos
á Ópera, dúas apps de Dada Company que, como se indica
no seu nome, diríxense a acurtar distancia entre este histórico
xénero musical e os usuarios de dispositivos. Ámbalas ferramentas
veñen impulsadas dende A Coruña e contan co apoio dunha trintena de
teatros de todo o territorio estatal. Son de balde, teñen versións
en iOS e Android, e achéganse en galego, catalán, éuscaro e
inglés.
Foron presentadas esta semana de man dos seus
responsábeis directos, Amigos da Ópera da Coruña e Ópera XXI, a
plataforma que xunta uns 30 teatros españois. Segundo fixeron saber,
a finalidade destas aplicacións non é outra que liberar de atrancos
o camiño das nenas e nenos cara o coñecemento do dito xénero
música. A xuízo dos seus creadores, Play Ópera “é unha
entretida aplicación para emocionarse coas historias de amor de
príncipes, princesas, labregos, bufóns, duques, asasinos e valentes
pretendentes”. O desenvolvemento gráfico da ferramenta correu a
cargo dos ilustradores Ricardo Cavolo, Pablo Auladell, Violeta Lópiz,
Mikel Casal e Marina Anaya.
Ningún comentario:
Publicar un comentario