Unha investigación sinala que renden menos os negocios dos profesionais que non desconectan.
Máis non sempre significa mellor, polo menos no ambiente laboral. Unha investigación na que participou a UNED revela que nunha mostra de emprendedores españois, aqueles adictos ao traballo, que dedicaban moitas horas ás súas tarefas, non conseguían mellores rendementos nos seus negocios senón peores. Pola contra, os empresarios apaixonados co seu emprego pero que non chegaban a obsesionarse con el, obtiñan resultados máis positivos.A adicción ao traballo non só non repercute positivamente nos resultados da empresa senón que os empeora. “Pode producir conflito na relación familia-traballo, problemas nas relacións de parella, empeorar a saúde e o benestar e incrementar os erros laborais”, detalla Juan Antonio Moriano, investigador do departamento de Psicoloxía Social e das Organizacións da UNED e un dos autores do traballo, no que participa a Universidade Erasmus de Rotterdam.
Os investigadores comparan a adicción ao traballo co xogo e as drogas
Dos emprendedores enquisados, todos eles donos dos
seus negocios, o 84% tiña polo menos un empregado e pertencían aos
sectores financeiro de consumo, informático, de transporte e de
comunicacións. O 59,1% eran homes, case a metade con título
universitario, dunha idade media de 42 anos e con máis de 18 anos de
experiencia laboral.Os investigadores diferenciaron entre dous tipos de perfís: os adictos ao traballo e os involucrados. A principal diferenza entre ambos os dous é que os empresarios que se involucran son aqueles que traballan con paixón, pero non se obsesionan, e conseguen desconectar e extraer emocións positivas do seu emprego.
Os adictos, ao contrario, nunca están satisfeitos con ningún resultado, non poden deixar de pensar no ámbito laboral (mesmo no seu tempo libre), dedican máis horas das debidas ao seu negocio e non senten emocións positivas co traballo feito. O estudo, publicado en Journal of Managerial Psychology, revela que nos emprendedores enquisados, a adicción ao traballo, a diferenza do compromiso laboral produce emocións negativas. Estas emocións, á súa vez, “afectan negativamente ao crecemento do negocio e ao éxito deste”, asegura o profesor Moriano. Neste sentido, sacrificar aspectos da vida pola empresa produce sentimentos de culpa, ansiedade e malestar no empresario, o que repercute negativamente no rendemento do negocio.
“A adicción ao traballo ten consecuencias para eles, o seus negocios e as súas familias”
No caso da implicación co traballo acontece xusto o contrario, posto
que se producen emocións positivas, o que conduce a resultados
favorables para o emprendedor e a súa empresa. “Esta é unha lección que
os emprendedores deberían aprender antes de desenvolver unha adicción ao traballo, que pode ter consecuencias nefastas para eles, para os seus negocios e tamén para as súas familias”, aconsella o experto.Na súa opinión, a dependencia obsesiva co traballo é tan negativa para o individuo e o seu ámbito como a adicción ao xogo, ás drogas ou a Internet. Conseguir que esta adicción se transforme nunha paixón positiva pódese lograr cun clima laboral agradable, onde directivos e empregados poidan poñer en práctica as súas competencias e ser creativos “sen medo a ser sancionados polos erros”, conclúe Moriano.
Podes ler máis desta investigación
neste do artigo Journal of Managerial Psicology
Ningún comentario:
Publicar un comentario