A aplicación galega
CreAPPcuentos segue
adiante coa súa colleita de éxitos e ampliacións (de mercados,
fronteiras, funcionalidades, integracións e usuarios). Segundo
puidemos saber esta semana, a app impulsada por Avelino Correa
e Antonio Escudero para incentivar a creatividade dos nosos rapaces a
través da creación de contos sobre a base dos dispositivos con
Android
ou iOS,
xa superou amplamente a cifra de 20.000 descargas en máis de 70
países e está presente en máis de medio cento de centros
educativos estatais. Esta vertente, a da súa actividade en centros
educativos, confirma o potencial de CreAPPcuentos no ámbito
educativo. O obxectivo agora: chegar a máis de 200 colexios e acadar
a liña das 100.000 descargas.
Ao fío do devandito, xa
o ano pasado Correa e Escudero insistían por unha banda na
posibilidade certa de chegar ao dito número de descargas e, por
outra banda, na capacidade da súa criatura tecnolóxica para
fomentar a imaxinación e a aprendizaxe dos pequenos a través de
personaxes dos contos de sempre coa creación de novas historias
inventadas.
Segundo
recorda o xornal en liña GCiencia nunha completa reportaxe sobre
CreAPPcuentos, estamos ante unha aplicación interactiva para
tabletas deseñada para crear “contos únicos e inéditos”, con
personaxes universais e en calquera idioma. Na orixe mesma do
desenvolvemento desta ferramenta atópase a seguinte pregunta: Como
contar contos doutra maneira ao mesmo tempo que turramos do carro das
TIC e lles tiramos o máximo proveito? “O que ofrecemos”, contan
Correa e Escudero na dita reportaxe, “é a posibilidade de crear
historias propias usando fondos e personaxes deseñados por
prestixiosos ilustradores, fomentando a creatividade e a imaxinación;
ademais, facilitamos a aprendizaxe de idiomas, xa que permitimos
crear o conto cos textos e audios que decida o usuario, que poderá
compartir as súas creacións e gozar das incribles historias creadas
por outros accedendo a unha biblioteca virtual de contos”.
Respecto das novidades
introducidas recentemente no seu seo, GCiencia salienta os plans de
CreAPPcuentos para espallarse e afianzarse no mercado asiático. Para
ir preparando terreo, os creadores da ferramenta teñen a firme
decisión de integrar nas súas fileiras a algún artista procedente
de países como Xapón, Corea do Sur ou China, “onde o mercado de
aplicacións dixitais configurouse como o máis importante do mundo,
xunto ao de Estados Unidos”. Este obxectivo concreto responde a
unha estratexia xenérica dentro de CreAPPcuentos: a de dar forma a
paquetes temáticos en múltiples países coa axuda e colaboración
de desenvolvedores locais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario