mércores, 29 de abril de 2015

A CIG-Ensino reclamou a retirada do Decreto de currículos da ESO e Bacharelato e o adiamento da aplicación da LOMCE

A Consellaría acepta a proposta da CIG-Ensino de incrementar unha hora na materia de filosofía de 1º de Bacharelato e tamén accedeu á nosa petición de que o profesorado interino poida acceder ás licenzas de formación.

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, manifestou que “este Decreto emana da LOMCE e desde a CIG-Ensino reafirmámonos na necesidade da súa retirada. Comprobouse coa súa aplicación en Primaria o pasado curso que a Consellaría debería adiar a súa publicación, estamos repetindo o despropósito do ano anterior, pois é obvio que os currículos non se van publicar até o mes de agosto pois antes desa data non conseguirá pasar todos os trámites legais.”
Na mesa sectorial de hoxe tratábase o Currículo da ESO e do Bacharelato para a aplicación da LOMCE e o seu calendario de implantación.
O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, manifestou que “este Decreto emana da LOMCE e desde a CIG-Ensino reafirmámonos na necesidade da súa retirada. Comprobouse coa súa aplicación en Primaria o pasado curso que a Consellaría debería adiar a súa publicación, estamos repetindo o despropósito do ano anterior, pois é obvio que os currículos non se van publicar até o mes de agosto pois antes desa data non conseguirá pasar todos os trámites legais.” Anxo Louzao tamén manifestou que “é un despropósito que se pretenda unha aplicación sen tempo suficiente, un desprezo ao profesorado que non vai contar co documento definitivo para a realización das programacións e aos equipos directivos que non van poder establecer que cadros de persoal precisan ao non ter o Decreto definitivo en que se van recoller as materias a impartir e as súas cargas horarias. Mesmo é un desprezo ás familias e ao alumnado.” Por todos estes motivos a CIG-Ensino pediu que o tema quedase sobre a mesa e que se adíe a aplicación da LOMCE en Secundaria.
A CIG-Ensino criticou este Decreto por estar impregnado ideoloxía neoliberal e mercantilista do partido popular. “Aparecen materias como Iniciación ao mundo empresarial, Actividade emprendedora ou obxectivos transversal “adquisición de competencias para a creación e desenvolvemento de distintos modelos de empresas e o respecto ao empresario e á ética empresarial”, mentres non se recolle nada sobre o respecto aos dereitos laborais. É a ansia do PP por converter o alumnado en empresarios e empresarias, preguntámonos se será seguindo os modelos de Rato, Blesa, ou Díaz Ferrán. Estamos ante uns currículos que pretenden formar un alumnado alienado, man de obra submisa.” Denunciou Anxo Louzao.
“Imponse a retirada do decreto tamén polo seu desprezo absoluto ao noso país e á nosa cultura. Son currículos elaborados de costas á nosa realidade nacional e afondarán aínda máis no descoñecemento do que nos é propio para ir inoculando máis prexuízos e maior españolización. Eliminouse o pouco que facía referencia a Galiza. A nosa historia queda subsumida á española. Así, por exemplo, feitos históricos tan relevantes para a historia do noso país como o Reino Suevo, a etapa medieval, as revoltas irmandiñas, a emigración, etc. non teñen cabida no currículo escolar.  En filosofía non se recollen figuras como Prisciliano, Francisco Sánchez, Padre Feijoo ou Castealo.” O Secretario Nacional da CIG-Ensino incidiu na ideoloxización dun currículo que “trata exclusivamente o holocausto xudeu, mais esquece toda referencia á situación do pobo palestino ou o que significaron os procesos de colonización en América.” Un currículo que non ten en conta a situación do noso idioma, pois presenta un currículo integrado de linguas que non ten en conta o contexto de diglosia no noso país.
A CIG-Ensino manifestou o seu rexeitamento ás reválidas, que van supoñer eliminar unha parte importante do alumnado do sistema educativo, promover a ignorancia do propio, a supresión na práctica da avaliación continua e o desprezo ao noso traballo converténdonos en preparadores de reválidas a través das cales se invaden as competencias da Consellaría, enviando desde Madrid mesmo a tradución das probas. Neste sentido a CIG-Ensino esixiu da Consellaría que presente recurso contra o Decreto de reválidas por invasión de competencias.
A CIG-Ensino tamén reclamou a redución das rateos a 20 e 25 alumnos na ESO e no Bacharelato, a redución destas rateos nas aulas de linguas estranxeiras, que non se límite ao número de alumnos a oferta das materias de libre configuración ou de especialidade. Reclamamos a eliminación da relixión do currículo escolar e que o portugués sexa unha das materias a ofertar como segunda lingua estranxeira.
A CIG-Ensino propuxo que en Filosofía  se incremente a carga horaria de 1º de Bacharelato a tres horas, por ser unha materia troncal e imprescindíbel na formación do alumnado, proposta que foi aceptada pola Administración. A CIG-Ensino tamén propuxo que en 2º de Bacharelato se imparta Historia da Filosofía como materia de libre configuración.
En relación á materia de Tecnoloxía a CIG-Ensino propuxo que fose ofertada en 4º entre as materias troncais de opción na modalidade de ensinanzas académicas, que se cree un itinerario de tecnoloxía no bacharelato de ciencias en que se contemple as materias de Tecnoloxía Industrial I e II como materias específicas e ampliar o seu horario de 3 a catro horas. É dicir aseguraríase que os centros que hoxe imparten Tecnoloxía Industrial I e II no Bacharelato, poidan seguir a facelo.
En Música que sexa impartida en 1º da ESO unha materia de libre configuración de contido musical para que non se produza a ruptura coa etapa de Primaria e que no Bacharelato se imparta Historia da música con 4 horas.
Finalmente a CIG-Ensino reclamou que figure xa neste Decreto as materias de Literatura galega do s. XX, Xeografía e Historia de Galiza, Pensamento galego, Literaturas hispánicas Literatura Universal contemporánea.

Drástica redución en Formación do profesorado: 

Nesta mesa tratouse tamén a orde de licenzas retribuídas por formación para o curso 2015-2016. A CIG-Ensino denunciou en primeiro lugar a drástica redución destas licenzas de formación que se reducen nun 63% pois pasan de un cómputo de 1450 meses no curso 2012-2013, a 500 meses nos dous últimos cursos e nesta proposta para o vindeiro curso, é dicir, a Consellaría mantén a drástica redución a un terzo das licenzas por estudos.
A CIG-Ensino denuncia que esta modalidade de formación non está pensada para a mellora da calidade do ensino e da formación do profesorado, senón para pór en marcha e xeneralizar os plans estrela do PP: o proxecto Abalar e o Plurilingüismo, sen ter en conta as necesidades pedagóxico-didácticas do ensino, nin a situación do noso idioma, elementos estes que deberían ser os piares da formación do profesorado na procura dun ensino de calidade na nosa lingua.
A CIG-Ensino tamén denunciou que esta oferta consolida a eliminación das licenzas por estudos existentes até o curso 2011-12 para a realización de teses, obtención de licenciaturas, etc. e ademais este modelo de licenzas de  formación non abranguen na práctica ao conxunto do profesorado, xa que a modalidade 1 e 2 está pensada exclusivamente para o alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO.
A CIG-Ensino criticou que a Consellaría só se limita á elaboración de materiais dixitais, pensados para o proxecto Abalar, e materiais plurilingües, maioritariamente en inglés, desterrando calquera tipo de formación no ámbito pedagóxico-didáctico, formación en contidos transversais, etc. Especialmente alarmante é a desleixo da Consellaría en canto á utilización destas licenzas de formación para elaborar materiais en galego para as distintas materias e etapas, entre elas a FP, unha etapa especialmente deficitaria en materiais en galego.
A CIG-Ensino propuxo que se permita participar nesta convocatoria ao profesorado interino e a Consellaría aceptouno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario