martes, 14 de abril de 2015

Os estudantes de cuarto curso de Enxeñaría de Telecomunicación sorprenden cos seus proxectos nos LPRO Days

Dende a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (UVigo) puxeron en marcha unha mostra para facer gala, publicamente, dos moitos e variados proxectos tecnolóxicos innovadores xurdidos da canteira do centro. Trátase da segunda convocatoria de LPRO Days, unha presentación pública de traballos en grupo para estudantes de cuarto curso (na recta final do Grao en Enxeñaría de Telecomunicación) impulsada polo profesor Carlos Mosquera. A mostra acubilla arredor de 70 estudantes e máis dunha ducia de proxectos.
Divididos en grupos de cinco ou seis persoas e coa tutela de dous docentes, levan tres meses traballando nun produto, aplicación ou sistema innovador que será do que dependa a súa nota final. Nesta segunda edición dos LPRO Days, o devandito docente involucrou a 20 profesores do centro que axudan e avalían os traballos dos grupos. Asemade, Mosquera introduciu novidades na nova convocatoria, como é o cariz multidisciplinar do proxecto na actualidade.
O venres pasado, os grupos expuxeron cadansúas iniciativas nos corredores da escola. O docente salientou, con motivo das sesións de presentación, que este tipo de iniciativas permiten mellorar competencias transversais como o traballo en grupo, a comunicación, etc, pero tamén lles “axuda a subir a estima, a comprobar o que poden facer cos coñecementos que teñen”. Mosquera tamén fixo saber que o ano pasado algunha das propostas “transcendeu alén da actividade” e entrou na convocatoria de Galicia Open Future, como é o caso de HelpPark. Respecto ás valoracións que obterán os proxectos, serán os compañeiros, os titores e un tribunal específico habilitado para a ocasión os que avalíen as propostas exhibidas e o traballo de cada un dos membros dos grupos, co fin de establecer a nota final.
Entre os trece traballos que foron expostos na escola, predominan as aplicacións móbiles, as redes sociais e os dispositivos programábeis. Segundo nos conta a Universidade de Vigo, nos corredores da EET púidose ver un sistema de xeolocalización mediante pulseira para persoas dependentes, unha aplicación para compartir música de xeito anónimo entre localizacións próximas, unha maceta intelixente e rede social para seareiros das plantas, un sistema de control ambiental do fogar, outro para a detección e aviso de situacións anómalas, un Theremin ou instrumento electrónico que soa sen necesidade de tocalo fisicamente, un controlador táctil de móbil para bicis, un espectrómetro baseado en Arduino, unha aplicación para a integración de datos de explotacións agrarias en ERP, un detector de inclinación dun robot controlado por radio, un controlador de bomba de calor de xeotermia, un sonómetro baseado en Arduino e un radar de corto alcance en banda S.

Ningún comentario:

Publicar un comentario