Os vindeiros 16 e 17 de abril celebraranse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña as primeiras xornadas Coñece a Galipedia na UDC,
unha mestura entre unha xornada de portas abertas e unha wikimaratón da
Galipedia. Estas xornadas, promovidas pola Facultade de Informática da
UDC, GPUL e a Galipedia, co apoio do Servizo de Normalización
Lingüística da UDC, pretenden achegar a enciclopedia libre en galego a
todas as persoas interesadas.
Os actos contarán cunha charla de introdución á edición da Galipedia e
con actividades máis avanzadas como a introdución ao manexo de bots, a través dunha charla ofrecida por Roi Ardao López, Banjo. Tamén se fará unha pequena wikimaratón de artigos relacionados coa Universidade da Coruña e outros temas, como a informática. Entre
as entradas que se busca mellorar ou actualizar están as dos ex
reitores José Antonio Portero Molina ou José María Barja e a do actual
reitror Xosé Luís Armesto; ou as de termos coma Linguaxe Java, Hipertexto, Módem ou Joomla!.
Tamén se queren crear novas entradas para Antonio García-Bellido, Dana
Scott, Valentín Fuster de Carulla, Gerald M. Edelman ou Fernando Lázaro
Carreter.
Así mesmo, terá lugar a entrega de premios e a presentación dos traballos gañadores do concurso Wikinformática, enfocado á visibilización do papel da muller nas TIC entre os estudantes de secundaria.
Para poder participar é necesario ter un usuario da Galipedia e
rexistrarse na páxina do evento, xa que as prazas son limitadas, aínda
que tamén existe a posibilidade de participar en liña. Pódese consultar
toda a información sobre o evento nesta páxina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario