Multitude de centros vénse obrigados a renunciar ao non concedérselle profesorado externo
O pasado mes de febreiro, a Consellería fixo 
pública a listaxe dos centros seleccionados para o desenvolvemento dos 
Contratos-Programa no curso 14-15, ademais dun listado de 26 centros que
 renunciaron “voluntariamente” a participar nese programa.
O STEG púxose en contacto con cada un deses centros
 que renunciaron para coñecer cal era o motivo da renuncia, resultando 
que tan só 3 deles tomaron esa decisión debido a non formar un grupo de 
alumnos mínimo para levalo a cabo. No resto dos casos, 19 centros (case 
tres de cada catro) foron forzados a renunciar, debido a
 que, aínda que realizaron a solicitude correctamente segundo a 
convocatoria, non lles foi concedido profesorado externo ao centro, e 
non tiveron opción a facer ningún tipo de reclamación á decisión da 
administración. É particularmente sangrante algún caso no que, tras 
denuncias na prensa, a Consellería excusouse en que só lle 
concedían profesorado externo aos centros que o tivesen concedido de 
anos anteriores, cando esta condición tamén se incumpriu noutros casos.
Outros centros que figuran como renuncias nin tan 
sequera chegaron a solicitar ese programa, xa que, aínda que en cursos 
anteriores lles foi concedido profesorado externo, se lles transmitiu verbalmente que neste curso non o ían ter, e non o prorrogaron debido á imposibilidade de levalo a cabo.
Tan só houbo un centro dos consultados que si renunciou voluntariamente,
 como protesta pola tardanza en formalizar o inicio dos programas, 
incidindo en que o alumnado con dificultades non pode agardar ata 
febreiro, con máis da metade do curso vencida, para comezar a  tomar 
medidas de reforzo; e que nesas condicións resultaría imposible a consecución dos obxectivos do programa.
Resulta imposible saber cantos dos centros aos que se lle concedeu o contrato-programa en realidade accederon á coacción á que lles someteu a Consellería
 ante a ameaza de non concederlle eses recursos se non aportaban 
profesorado do propio centro, que nun principio non se prestara 
voluntario.
Dende o STEG denunciamos que a Consellería pretenda facer pasar por renuncias voluntarias un novo recorte na educación pública
 que, neste caso, incide no alumnado con máis necesidades de apoio 
educativo. Coincidimos en que un programa de reforzo non pode comezar 
con case dúas terceiras partes do curso cumpridas, xa que o alumnado que
 teña dificultades, as ten dende o primeiro día, e a fenda entre o seu 
ritmo de aprendizaxe e o do resto do grupo será aínda maior.
Seguimos insistindo en que os contratos-programa non son a resposta,
 xa que se a Consellería admite tácitamente que nun centro hai alumnado 
que precisa de apoio educativo, a solución debería pasar porque o centro
 contase con máis profesorado de apoio, e non castigando a ese alumnado cunha maior carga lectiva,
 nin ao profesorado con horas extra encubertas que, aínda por riba se 
cobran tarde, mal ou despois de complicados procesos administrativos.
 
  
Ningún comentario:
Publicar un comentario