martes, 3 de maio de 2016

'O idioma é a vida': un lema para encher o 17M Compostela de “ledicia e orgullo” polo galego

Queremos Galego convoca unha manifestación que agarda masiva para reivindicar cambios lexislativos a prol da lingua propia de Galiza.

'O idioma é a vida', un dos versos do poema 'A Fala' de Manuel María, é o lema escollido pola plataforma Queremos Galego para a manifestación convocada para este 17 de maio en Compostela. Unha mobilización que, apontan, agardan que reúna miles de persoas para amosar “máis unha vez, que a inmensa maioría do pobo galego quere a súa lingua e accións políticas reais e efectivas para repola e rehabilitala en todos os espazos”.
Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüísitica lembrou que Manuel María era un habitual en todas as accións e actividades de defensa e promoción da lingua do país.  Por isto, apontou, “a voz e a palabra de Manuel María estará presente no acto final da manifestación que se celebrará na Praza da Quintana onde tamén contaremos coa actuación de Mini e Mero ou de Fran Amil e A Tribo Incompresíbel.
“Alegría e orgullo”
“O acto final será unha mostra masiva da alegría e do orgullo que temos como pobo  por contarmos con lingua propia, que está viva grazas ao traballo e o compromiso, practicamente en solitario, da propia sociedade, malia a actitude tantas veces hostil dos gobernos da Xunta e do Estado e mesmo dos tribunais, como evidenciou recentemente o TSXG. Festexaremos, ademais, 100 anos de defensa continuada da normalidade para o galego”, sinalou Maceira, en referencia ao centenario da creación das Irmandades da Fala. A manifestación deste ano está marcada, explicou Maceira, por un contexto de “deslexitimidade” do 'decretazo contra o galego, algo que ficou claro co informe do Consello de Europa. Maceira instou novamente Feijóo a que "dea os pasos precisos" para dotármonos dun novo decreto para o ensino en galego, "comezando por eliminar os artigos do decreto que prohiben o uso do galego".
Queremos Galego salientou que “todos os avances para a lingua galego foron conquistas da sociedade", polo que fan un chamado "a todas as persoas que aman Galiza, que aman a nosa lingua, que queren avances para ela, posibilidades de uso e accións públicas qeu permitan instalarse no galego con total liberdade a quen non o fala, sen estigmatización, sen desprezos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario