Ora Galega e a Deputación da Coruña lanzan unha exposición itinerante e interactiva sobre as Irmandades da Fala.
Como xa avanzaba no mes de febreiro Sermos Galiza, o colectivo Ora galega organiza unha exposición itinerante arredor das Irmandades da Fala co gallo do seu centenario. Esta sexta feira (20 de maio) coñecéronse os detalles da iniciativa, como o nome iFala, e tamén o contedor da exposición, un autobús de duplo andar.A iniciativa conta con soporte dixital através dunha App e dunha web“A mostra reproduce a historia desde unha perspectiva moderna e innovadora, dando mostra de que o legado das Irmandades está vixente e pode interesar tamén á xente nova. Os vídeos elaborados por persoas do noso mundo creativo contaxian o mesmo entusiasmo que levou a súa creación hai cen anos”, explicou a vice-presidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartí na presentación da exposición que foi deseñada por Ora galega e financiada pola institución provincial.
De facto, o autobús incorpora materiais interactivos e tamén música. Unha peza interpretada polo colectivo arte-terrorista Poetarras, guionizada por Illa Bufarda e no que colaboran facianas ben recoñecíbeis da escena galega como De Vacas, Ses, Isabel Risco ou David Amor.
iFala - Poetarras from iFala on Vimeo.
Alén diso, paneis expositivos fan un percorrido histórico en forma de "liña do tempo desde os Mártires de Carral até o golpe de 1936 cunha información básica que se pode completar no aplicativo e na páxina de iFala", explicou en nome de Ora galega Moncho do Orzán.
Porén, na creación desta exposición itinerante colaboran moitas asociacións, subliñou Elvira Souto, tamén de Ora galega. Asociación Cultural Auriense, Ourense, Asociación Cultural Vagalumes, A Estrada, Asociación Francisco Lanza, Ribadeo, Asociación Pensamento e sementeira, Viveiro, Asociación Roxin Roxal, Betanzos, Asociacion Socio-Pedagóxica Galega, Confederación Intersindical Galega, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Editorial SEPT Instituto de Estudos Miñoranos, Ir Indo Edicións, A Mesa pola Normalización, Seminario de Estudos Chairegos, Vilalba e a Sociedade Cultural Medulio, Ferrol.
A iniciativa, dixo o profesor Carlos Quiroga, de Ora galega, “fai xove algo que ten un século mais mostra unha vixencia alucinante. Ficamos nós mesmos emocionados co produto”.
O percorrido do autobús comezará en Betanzos para posteriormente visitar Ferrol, Ourense, Santiago, Lalín, A Estrada, Lugo, Ponteareas, Pontevedra, Ribadeo, Vilalba, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario