A Mesa lembra que hai uns dereitos mínimos que a cidadanía ten legalmente garantidos na relación coas diferentes administracións
Neste
sentido, alén doutra lexislación xeral como a Constitución española, o
Estatuto de autonomía ou a Lei de normalización lingüística, a Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común que promulga no artigo
35.d) o dereito “a empregaren as linguas oficiais no territorio da súa
comunidade autónoma, de acordo co previsto nesta lei e no resto do
ordenamento xurídico”.
O
presidente da Mesa, Marcos Maceira lembra que: “cando unha empresa
resulta adxudicataria dunha concesión pública ten a obriga de respectar o
réxime de oficialidade lingüística do mesmo xeito que o fai a
administración, polo que non pode obviar que o galego é a lingua propia e
oficial de Galiza”. A lexislación especifica a obriga das empresas
concesionarias de servizos públicos a respectar a oficialidade do
galego, a “promover o uso normal do galego oralmente e por escrito na
prestación dos seus servizos” e garantir que os cidadáns se poidan
relacionar con elas e acceder aos seus servizos en galego. Así o fai,
por exemplo, a Lei Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas
prácticas na Administración Pública galega.
Mostra
de que queda moito por avanzar é que case todos os días chega á Liña do
Galego, servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización
Lingüística para atender consultas, tramitar queixas e parabéns, unha
queixa sobre a vulneración de dereitos lingüísticos.
Como
xa sinalou a Mesa no informe da Liña do Galego do ano pasado: “É
alarmante que quen ten obriga de garantir o respecto dos dereitos
lingüísticos da cidadanía encabece a lista de queixas, sendo non só
cómplice destas actitudes senón promotora directa.
Marcos
Maceira resaltou que: “as empresas que traballan para a administración
deben respectar a lingua de escolla do cliente. Cómpre insistirmos na
necesidade de que as empresas contraten persoal con competencias
lingüísticas en galego, o que xera postos de traballo, dignifica a nosa
lingua e amósanos respecto como clientes”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario