Nalgúns centros os pais xa expresaron a súa decisión de non mandalos a clase.
Nos vinte e cinco centros escolares das comarcas de
Deza e Tabeirós-Terra de Montes cursan os seus estudos 479 estudantes,
segundo os datos facilitados onte polos centros. Todos eles están
chamados a realizar a reválida de terceiro.
Na maioría dos centros espérase que os escolares
acudan con normalidade a clase, e polo tanto, realicen as probas. Nos
colexios recordan, como apuntaba onte un profesor, «si veñen están
obrigados a facela proba». Outra cousa é que os pais decidan non mandar
nin hoxe nin mañá aos seus fillos a clase.
Algo que algúns xa decidiron. Entre eles os pais dos
sete estudantes de terceiro de primaria do colexio de Vilatuxe que ao
parecer teñen previsto non mandalos hoxe ao centro.
Onte nos colexios preferían ser cautos porque aínda
que nalgúns corren rumores de ausencias, o resultado non se saberá ata
hoxe. Os pais non avisaron previamente e iso fai que nalgúns estean á
expectativa.
Nos colexios onde houbo moitas ausencias na reválida
de sexto coa de terceiro espéranse uns resultados similares. No colexio
público de Silleda cursan terceiro 45 estudantes. Son dúas clases, unha
de 22 e outra de 23 alumnos. No centro espéranse moitas ausencias ou
incluso podería haber algunha clase baleira.
No colexio do Foxo, na Estrada, hai distintas
opinións entre os pais, así que o resultado se verá hoxe. Do mesmo xeito
que ocorreu coa reválida de sexto moitas veces depende de cada clase e
dos que falen os pais que, en ocasións, acaban póndose de acordo por
whatsapp e optando por acatar o que dite a maioría.
Na inmensa maioría dos colexios, os profesores aseguraban que ningún pai avisara de que o seu fillo non ía ir a clase.
Discrepancia de opinións
A diferenza das de sexto, que se estenderon ao longo
de tres días, estás duran dous. As de hoxe teñen como obxectivo avaliar
as competencias dos alumnos, que teñen entre oito e nove anos, en lingua
castelá e en matemáticas, mentres que mañá, tocaralles as relacionadas
con lingua galega. A diferenza das de sexto estas non inclúen preguntas
relacionadas con ciencias e tecnoloxía senón soamente ás competencias
das dúas linguas e de matemáticas.
Entre os pais que están en contra de mandar aos seus
fillos a clases, unha das queixas que esgrimen é que os nenos son moi
pequenos e que as probas os someten a un forte estrés. Considéranas
innecesarias alegando que os escolares xa están sometidos a unha
avaliación continúa nas aulas ao longo do curso.
Unha opinión que non comparten outros que recordan
que os resultados non terán peso académico e non suporán ningunha
variación na nota e que entenden que facer un exame que, ademais non
conta, servirá para ver como se desenvolven.
Algúns dos profesores da zona recordaban tamén onte
que avaliacións similares xa viñan realizando nos últimos anos e non
supuñan ningún problema.
Para hoxe, do mesmo xeito que ocorreu na reválida de
sexto, espéranse de novo clases cheas e sen ningunha ausencia e aulas
que quedarán baleiras. No colexio de Vexa, onde á de sexto non foi
ninguén, onte apuntaban que en sexto si os pais comentaron pero nesta
non se sabe. O colexio conta con once estudantes en terceiro.
Dous días de obrigada intendencia extraordinaria nos colexios
A realización da reválida trastorna a xornada normal
dos centros. Durante estes dous días os exames dos alumnos de terceiro
teñen que ser vixiados e atendidos por profesores que non dan clase a
eses cursos. Por iso, do mesmo xeito que ocorreu cos de sexto, iso leva
cambiar docentes de sitios e unha pequena revolución.
Non é o mesmo tampouco centros cuns 65 alumnos de
terceiro, como é o caso do Xesús Golmar de Lalín, ou o Pérez Viondi da
Estrada que conta con 59 que colexios máis pequenos. No de Codeseda, da
Estrada, por exemplo só cursan terceiro dous alumnos e os de terceiro
comparten aula cos de cuarto. No colexio Manuel Rivero de Lalín son 24.
No de Cercio son doce, catorce no de Oca, 42 no de Figueroa, dez no de
Forcarei e trece no da Bandeira.
No de Prado, con trece estudantes, os catorce de
Agolada, os catorce do de Rodeiro ou os tres do colexio de Dozón
espérase que vaian hoxe ao colexio. O mesmo no de Cerdedo onde estudan
outros tres estudantes, En Piloño, en Cruces, son nove, seis no de
Merza, 28 no de Vila de Cruces e 4 no de Soutelo de Montes.
Espéranse poucas ausencias ou ningunha nos
concertados. Cursan terceiro 19 no María Inmaculada, 36 no Sacro Corazón
e dezaseis no de Lourdes.
Na reválida de sexto houbo na zona doce colexios onde
non houbo ningunha ausencia e dúas máis nos que só faltou un estudante e
catro nos que o absentismo foi total. Hoxe espérase que os resultados
poderían ser moi similares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario