A AGAL edita carteis para difundir a faceta lusista do homenaxeado este ano coas Letras Galegas e lembra que chegou a ser socio da entidade.
“Manuel Maria, reintegracionista”. Baixo este lema, a Associaçom Galega da Lingua (AGAL) tamén se suma á homenaxe a Manuel Maria no Día das Letras deste Ano, cunha campaña na que quere destacar a contribución do chairego á difusión da faceta reintegracionista do homenaxeado.Por iso, a AGAL editou dous carteis enfrocados ao ensino secundario nos que se destaca a frase do autor chairego en defensa do reintegracionismo e dous poemas nesta variante do galego, con información no pé respecto á obra do escritor de Outeiro de Rei.
Esta entidade lembra que Manuel Maria manifestouse en varias ocasións adepto do reintegracionismo, como rexistra Camilo Gómez Torres en 'Manuel María: os traballos e os días '(Laiovento, 2001), ao considerar que «é o camiño, pois galego e portugués son a mesma lingua con algunha variante».
Tamén no libro de Xosé Manuel del Caño, Conversas con Manuel Maria (Xerais, 1990), o homenaxeado deste Día das Letras comenta que o feito de non ter máis obra publicada nesta ortografía se debe a que “cando comezou este movemento [o reintegracionismo] eu xa era vello, son algo preguiceiro, e teño uns hábitos de escritura de trinta anos, mais gustaríame de que se utilizase a grafia do portugués, conservando o noso propio idioma”.
A AGAL lembra que o próprio Manuel Maria non vía o futuro á normativa oficial pois consideraba que “parte do futuro da nossa língua e a sua expansom natural está cara a Portugal. O resto da gente do Estado espanhol é mui diferente a nós, há muitos séculos de mentalidade centralista enriba, e eu cuido que os escritores de línguas periféricas, em Madrid, nom se leem nem traduzidos”.
Ademais, suliña que deixou tres libros escritos en grafía portuguesa: Versos do lume e o vaga-lume (1983), A luz resucitada (1984) e Oráculos para cavalinhos-do-demo (1986). O segundo destes, A luz resucitada, levou o selo da entidade reintegracionista, pois esta obra inaugurou a “Coleçom Criaçom” da editora da AGAL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario