Segue a medrar a
presenza de programación aberta entre as nosas empresas, por moitas
e variadas razóns: moitas delas relacionadas coas posibilidades de
colaboración que se abren co software libre, a súa accesibilidade
tecnolóxica e económica, a súa marxe de adaptación a novas
contornas e necesidades ou co importante labor de respaldo das nosas
asociacións e empresas, entre outras “causas”. Segundo nos conta
a axencia AMTEGA a través do seu Observatorio
da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA),
o uso de recursos informáticos abertos nas empresas galegas de 10 ou
máis traballadores sitúase no 84,9%, por riba doutras Comunidades
como Madrid, Catalunya ou Euskadi. No que atinxe ás nosas firmas
informáticas o emprego de programas open source medrou en
dous puntos respecto do ano anterior. Arestora a taxa é do 86,7%.
Estas
e outras información figuran nos dous estudos sobre O uso de
Software libre nas empresas e no sector TIC de Galicia. Ano 2015,
publicados este 21 de maio polo dito Observatorio, adscrito á
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA),
dous informes inseridos nas actuacións de pulo á programación
aberta que se establecen no Plan de Acción Software Libre anual que
desenvolve o organismo que dirixe Mar Pereira.
Entre os puntos extra
máis salientábeis das investigación, amais dos devanditos, figura
o seguinte: en termos evolutivos o uso do software libre nas empresas
informáticas galegas, aumentou 3,8 puntos nos computadores e 3,6
puntos nos servidores. Tamén se destaca que a taxa destas firmas con
servidores sobre open source supera a porcentaxe das que
empregan sistemas operativos privativos.
OSIMGA sinala que os
programas libres con maior implantación nas empresas galegas seguen
a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas. De
feito, no último ano incrementouse en 4,4 puntos o uso de sistemas
operativos abertos nas grandes empresas galegas (dun 35,1% ao 39,5%),
infórmase nas investigacións, nas que se engade que este indicador
tamén sobe lixeiramente entre as microempresas galegas, chegando ata
o 18,6% (1,4 puntos porcentuais máis que o ano anterior).
Tendo en conta estas e
outros números, o software libre imponse como maioritario nas
empresas informáticas galegas, cunha “diferenza substancial” no
que atinxe ao ámbito dos programas de xestión de contidos web, onde
o libre supera ao privativo en 16,7 puntos. Iso si, o privativo aínda
segue a ser maioritario en eidos como a xestión de correo, os
antivirus, os recursos de seguridade, a xestión empresarial ou a
ofimática.
Nos estudos tamén se
indica que das empresas informáticas galegas que se adican á venta
de software, máis da metade (55,6%) ofertan produtos de software
libre aos seus clientes, sobre todo relacionados con sistemas de
xestión de bases de datos, servidores e sistemas de xestión de
contidos web.
Respecto das razóns
esgrimidas para non apostar pola programación aberta nas empresas
que a desbotan, estas son as máis comúns: a “incompatibillidade
cos sistemas e interlocutores actuais”, a “complexidade ou o
risco do cambio” ou a “falta de formación”.
Porén, en relación
aos puntos fortes, o que máis se valora é o seguinte: o custo, cun
79,9%, seguido xa, a distancia, da independencia do provedor (46,1%).
Nos informes tamén se
di que máis da metade das empresas informáticas galegas apostan por
unha tendencia positiva de uso do software libre no mercado,
considerando que este aumentará e un 7,8% das empresas que na
actualidade non comercializan con programas abertos, afirman que nos
vindeiros dous anos ofrecerán algún tipo de produto deste tipo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario