luns, 16 de maio de 2016

Roteiro literario polas beiras do Miño

Dentro da Semana das Letras de Galicia e no Día mundial da Diversidade Cultural e no Día europeo da Rede Natura, que será o sábado 21 de maio, a plataforma “Lugo de Cara ao Miño”, da que fai parte ADEGA, organiza un roteiro literario en homenaxe ao río Miño, aos seus valores naturais, que parte están en Rede Natura, e a todos aqueles autores e autoras galegos que atoparon nel a súa inspiración, incluído o xa consagrado como o “poeta do Miño”, Manuel María, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

“Lugo de cara ao Miño” convidou para este acto a escritoras e escritores lucenses que hai algo máis de 20 anos recompilaron no libro “Mirando cara ao Miño” unha escolma das súas obras dedicadas ao río máis emblemático da cidade e do país. Daquela fora outro movemento asociativo, a “Plataforma na Defensa do Miño”, o que tivera a iniciativa de convidar aos artistas da escritura a expresar os seus sentimentos arredor do río en forma de palabras, co obxectivo de “ensinar outro xeito de mirar o río e os ríos de todos, outro xeito de amar os ríos, para darnos miles de razóns para a súa defensa”.

Paradoxalmente, naquel momento, tamén outros proxectos ameazaban a integridade e presevación natural do Miño ao seu paso por Lugo, como o Pazo de Feiras e Congresos e o centro comercial de Carrefour. É por iso que, a través deste acto, “Lugo de cara ao Miño” quere lembrar que as agresións e as ameazas ao río Miño seguen vixentes vinte anos despois e que, simbolicamente, recolle o testemuño deixado polos movementos defensores do Miño predecesores para continuar coa exaltación e defensa, non só dos valores naturais, ecolóxicos e sociais do río Miño, senón tamén do seu patrimonio intanxible, humano e cultural que a través das diversas formas de expresión, como a escrita, quedou para a posteridade.  Neste roteiro literario, algúns autores lucenses como Xosé Miranda, Felipe Arias ou Eloi Caldeiro, entre outros, expresarán de viva voz ao longo da andaina aquilo que no seu día escribiron no papel dando vida ao Miño para sempre en contos, lendas, poemas, etc.

O roteiro literario

“Lugo de Cara ao Miño” convida a todos os veciños e veciñas da cidade a compartir esta experiencia directa en contacto co río Miño e coa literatura o sábado 21 de maio. O roteiro realizarase en zona de Rede Natura, coincidindo co seu Día Europeo. Partindo ás 10 horas da mañá desde a Ponte Vella  (romana) percorrerá augas arriba as dúas marxes do río nun traxecto circular dunha lonxitude aproximada duns 10 quilómetros.

Será un paseo tranquilo e de baixa dificultade no que se farán 5 paradas breves para ler os relatos ou poemas dedicados ao río Miño polos autores e autoras convidadas e tamén para compartir aquelas letras de autores que xa no están, pero que foron fundamentais na historia literaria do río Miño, como Manuel María.

Ao remate da andaina, desde “Lugo de cara ao Miño” convidamos a todas as persoas que o desexen a participar nun xantar popular no parque das Saamasas, no espazo natural protexido onde se atopa desde novembro do ano pasado o dique ilegal da fábrica da luz, denunciado por esta plataforma, pois con este acto tamén se quere proclamar a defensa do Miño deste tipo de agresións.

A plataforma anima aos participantes a traer víveres para este xantar campestre no que tamén haberá festa e, ao mesmo tempo, teatro improvisado.

No caso de que haxa participantes que non queiran facer o traxecto completo, poderán facer só o transcurso ata a vella potabilizadora.

Non fará falla inscrición previa, só ganas de gozar con nós dun fermoso e entretido acto e de acompañarnos na nosa reivindicación na defensa do río Miño!

Integrantes de “Lugo de Cara ao Miño”: Os colectivos ecoloxistas, sociais e culturais ADEGA, AGCT, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Ateneo Engranaxe, Carneiro Alado, CIG, Coop. Bico de Grao, Cultura do País, Madia Leva, Masa Crítica, SLG, SOS Río Miño e as formacións políticas ACE-EU, Anova, BNG, Compromiso por Galicia, Espazo Ecosocialista, Equo, Lugonovo e Podemos.  




Ligazóns

Descargas

Ningún comentario:

Publicar un comentario