martes, 31 de maio de 2016

850 ofertas laborais na Feira Internacional Virtual de Emprego FINDE.U

Con máis de 1500 estudantes e titulados de Galicia e o norte de Portugal inscritos, este luns botou a andar a Feira Internacional Virtual de Emprego FINDE.U, unha iniciativa transnacional organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras-Os-Montes e Alto Douro. Con preto de 80 empresas inscritas, estes estudantes poderán optar a unha das 850 ofertas laborais que xa están dadas de alta na plataforma en liña, e ás que os alumnos e alumnas xa poden enviar o seu currículo na procura dun contrato que lles permita iniciarse no mundo laboral. 

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Sebastião Feyo de Azevedo, reitor da Universidade de Porto e António Augusto Fontainhas Fernandes, reitor da Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro foron os encargados de inaugurar por videoconferencia este evento. Mato deu a benvida a estudantes, empresas e institucións desexando que esta cita “sirva para todos como un espazo de encontro que por un lado permita ao alumnado visibilizar oportunidades para comezar no mundo laboral e, por outro, lles sirva ás empresas como un espazo idóneo para captar talento, un talento que axude a ter un mellor futuro, porque o mellor futuro o dan persoas”. O reitor de Vigo agradeceu colaboración da rede Eures e destacou que “para Vigo é un privilexio a colaboración coas universidades do norte de Portugal”. Os reitores de Porto e UTAD tamén fixeron fincapé na necesaria relación entre universidades e tecido empresarial para favorecer a incorporación do estudantado ao mundo laboral. Feyo de Azevedo, reitor de Porto, lembrou que esta iniciativa toma a remuda da feira celebrada en Porto en 2015 en modalidade presencial, que desta volta aposta pola versión virtual “para ter unha dimensión internacional extraordinaria máis de 100 expositores, redes Eures de 12 países e 854 ofertas de emprego, números que nos agradan inmensamente, pero que aínda medrarán máis nas vindeiras horas”.
80 empresas nacionais e internacionais
Ao longo de toda a semana tanto os estudantes das tres institucións como o titulados das mesmas poden seguir inscribíndose e buscando na feira unha oportunidade laboral. O que si está pechado é o prazo de inscrición para as empresas e organismos, deixando a participación en 110 expositores, 80 deles son empresas de todos os sectores e principalmente de España e Portugal, aínda que tamén hai presenza de países como Bélxica, Alemaña, Malta, Eslovaquia, Irlanda, Reino Unido, Países Baixos, Estonia, Polonia ou Noruega. Entre as compañías participantes están, entre outras, Continental, AT&T, Calzedonia, Benteler, Abanca, Indra, Levantina, Gestamp, Indra, Manpower, Parfois, Qreer, Starwood Hotels & Resorts, Technogarden ou Deerpark House. Deste xeito, os estudantes poden acceder a 854 ofertas de emprego, cifra que pode seguir incrementándose ao longo da xornada deste luns. Tamén participan nesta cita de empregabilidade os servizos Eures de 12 países e 20 puntos de información.
Alejandro Martínez, responsable da Área de Emprego e Empredemento da Universidade, que está detrás da organización viguesa da feira, destaca como un feito moi positivo que moitas destas compañías “xa confirmaron a súa presenza nas feiras presenciais de emprego”, que terán lugar no mes de novembro nas universidades de Porto (2 e 3 en Exponor) e Vigo (8 e 9 no IFEVI).
Toda unha semana de actividade presencial e virtual
A feira que arrancou hoxe desenvolverase ata o venres 3 de xuño. Nas dúas primeiras xornadas terán lugar varias sesións formativas que se poderán seguir tanto presencial como virtualmente e nas que se tratarán temas como a busca de emprego en Europa mediante Eures, o emprendemento e autoemprego, as posibilidades de emprego científico para investigadores, a creación dun perfil en Linkedin, o programa Erasmus, o Europass ou a creación de vídeo currículos, entre outros contidos. Na xornada de mañá, as sesións que terán lugar en Vigo correrán a cargo de Enrique Gallardo, que presentará Eurodesk, un servizo de información dirixido a mozos e mozas para coñecer e participar en programas da Unión Europea sobre formación, educación, voluntariado, bolsas de estudos, ocio etc; José Antonio Rodríguez Fachado, de Xuventude.net que falará sobre o programa de mobilidade xuvenil Galeuropa; o profesor da Universidade, Celso Cancela, que coordina a Cátedra Jean Monnet e exporá as oportunidade de traballar nas institucións da UE e Teresa Ventín, coordinadora do servizo Eures transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.
As sesións pódense seguir en streaming e tamén de xeito presencial na universidade dende a que se emita cada unha das intervencións. Para aqueles estudantes que non teñan a súa disposición un dispositivo electrónico ou conexión a internet, as tres universidades ofrecen tamén salas de informáticas dende onde poder conectarse.
Na segunda parte da feira, do 1 ao 3 de xuño, os estudantes poderán acordar entrevistas telemáticas coas empresas, para o que a Área de Emprego porá á súa disposición a sala III do edificio Miralles dende onde se poderán conectar á plataforma virtual habilitada para este fin, no caso de non facelo dende os seus propios dispositivos electrónicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario