Un representante da Mesa pola normalización lingüística exporá o informe 'Liña do Galego' no marco das xornadas organizadas pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas.
Paulo Filgueiras, da Mesa pola Normalización Lingüística participa esta cuarta feira na conferencia 'Respecto polos dereitos lingüísiticos? As discriminacións lingüísticas na Unión Europea', que organizan grupos parlamentares da Alianza Libre Europea, Os verdes e a Esquerda unida europea en colaboración coa Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN), da que a Mesa fai parte.Na conferencia discutirase o tratamento que a UE e os seus Estados membros dan ao problema da discriminación e exclusión das linguas propias e avaliarase a situación en varios Estados, que pode fornecer a evidencia de discriminación lingüística con numerosos estudos de caso. Elaboraranse recomendacións sobre as medidas que a UE debe tomar ao respecto, incluíndo o sinalado polo Consello de Europa, por medio da Comisión Europea contra o racismo e a intolerancia, de que a discriminación lingüística constitúe unha forma de racismo. A conferencia contará coa participación canda A Mesa, de entidades de defensa das linguas propias da Bretaña, Cataluña, Irlanda, Gales, Húngaros de Eslovenia e Romenia, e Occitania. Contará ademais coa participación do Consello de Europa (Carta Europea das Linguas e Convención das Minorías Nacionais), Alto Comisionado para as Minorías Nacionais da OSCE, e o Alto Comisionado de Dereitos Humanos da ONU.
Discriminacións
Durante o 2015 a Mesa abriu un total de 157 expedientes de queixa a través do seu servizo da Liña do Galego, expedientes que naceron das 195 comunicacións recibidas. A Liña do Galego é un servizo gratuíto que ofrece a Mesa, aberto a toda a poboación, e que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramitando queixas e reclamacións cara ás institucións, empresas e entidades que os vulneran. Tamén recolle parabéns para aqueles colectivos ou administracións que dean pasos para garantir o dereito a vivir en galego.
Un desglose das reclamacións en 2015 no que respeita a entidades implicadas indica que o 51% das queixas fan referencia a administracións públicas. E dentro das administracións, é a autonómiva galega a que concentra a meriando parte das queixas, o 52% de todas as que atinxen ás administracións. A do Estado está no albo do 27% das reclamacións e a local no 21%. Mais este tipo de denuncias tamén se refire a institucións privadas (un 16% das queixas presentadas) e públicas (12%). As empresas de servizos, cun 12% das reclamacións presentadas, e as grandes superficies (6%), así como as empresas de telefonía (3 por cento), tamén son sinaladas nestes expedientes abertos a raíz da denuncia a través da Liña do Galego.
O documento presentado pola MNL desagrega as queixas referentes ás empresas privadas, o que permite comprobar como o 13% desas reclamacións refírense a Gas Natural-Fenosa. Abanca, Audasa e Ikea atinxen cada unha un 9% das queixas. A compañía aérea Vueling' o 7% e ADI/Renfe, un 6 por cento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario