A Cidade da Cultura
acolleu este 27 de xuño a presentación dunha novidade tecnolóxica
que foi cualificada (a presentación e tamén a novidade) polos
participantes no acto de “acontecemento histórico para a nosa
terra”. Falamos do avance ante os medios do renovado portal web de
Toponimia de Galicia (toponimia.xunta.gal),
no que participaron entidades de diferentes ámbitos
(tecnolóxico-dixital, cultural e etnográfico, xeográfico) unidas
baixo unha arela común: xuntar as súas capacidades para impulsar,
preservar e universalizar un patrimonio inmaterial, o dos nosos nomes
de lugar, que é case único no mundo, tanto polo número de
topónimos que achega (unha cantidade inxente que podería chegar a
cifra de un millón trescentos mil se se segue traballando arreo
neste ámbito) como polo compoñente histórico, etnográfico e
humano que fornece cada nome de lugar.
As devanditas entidades
son: AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia),
a Real Academia Galega (RAG), Vicepresidencia da Xunta, a Secretaría
Xeral de Política
Lingüística (Consellería de Cultura e Educación) e o Instituto de
Estudos do Territorio (Consellería de Medio Ambiente). As novidades
da páxina, que será máis exhaustiva con cada topónimo
(subministrando datos completos sobre a orixe e a historia de cada
sitio, con textos e material multimedia), estarán operativas en
cuestión duns meses. A punta de lanza será a súa gran base de
datos, optimización e ampliación do Nomenclátor
xa dispoñíbel.
Xesús Ferro Ruibal,
membro da RAG, comparou o chimpo “cualitativo e cuantitativo” do
proxecto (o proxecto Toponimia de Galicia) presentado hoxe co
principio do remate do Pórtico da Gloria e a sinatura pétrea que o
acreditou a cargo do Mestre Mateo. Segundo fixo saber, a tecnoloxía
posta en xogo na iniciativa é unha tecnoloxía para loitar contra o
esquecemento. “Non hai que deixar de lado”, dixo, “o feito de
que a principal fonte de información sobre os nosos topónimos, as
nosas aldeas e vilas pequenas cos seus habitantes, está a ser hoxe
en día moi ameazada polo despoboamento”.
Mar Pereira abriu rolda
de intervencións adiantando a face visíbel da iniciativa: unha
iniciativa para levarnos da man aos nosos topónimos da maneira máis
avanzada, actualizada e exhaustiva, “coa vantaxe de podérmolo
facer dende calquera dispositivo e dende calquera lugar”.
A continuación foi a
quenda do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín
García, quen comezou a súa intervención salientando o valor da
toponimia como “ciencia transversal”, ou sexa, como ciencia que
define en si mesma o que somos, que facemos, que desenvolvemos e que
tipo de relación temos co noso medio. “O portal que avanzamos
hoxe”, sinalou, “inclúe un novo deseño e pódese ver e empregar
en todo tipo de plataformas e dispositivos”. Ao seu xuízo, este
último punto (a accesibilidade e usabilidade dende calquera recanto
e trebello) é de gran importancia para calquera tipo de eido de
investigación, pero é especialmente necesario e enriquecedor para o
ámbito da toponimia, moi ligada aos traballos de campo e aos
recursos (cada vez máis necesarios) da xeorreferenciación. Outra
das novidades postas en xogo no sitio web, dixo, reside na súa
claridade e no seu compoñente visual. Ademais, sinalou, conta cun
buscador que vai incrementar, “sen dúbida”, o número de
visitantes e usuarios. Tamén destacou o apartado Sabías que?,
no que se nos explica a orixe de cada topónimo, e máis a
funcionalidade do visor, que posibilita refinar ao máximo as
operacións de procura.
Despois do secretario de
Política Lingüística interveu Ferro Ruibal, que abriu o seu
relatorio lembrando aos presentes que todo na nosa terra,
“absolutamente todo”, ten nome propio, “dende as costas e
revoltas até as veigas, vales e brañas”. A isto cómpre engadir,
sinalou, o esforzo feito ao longo de centos de anos polos nosos
mariñeiros, que non deixaron ningún recanto da nosa costa por
designar e sinalar (“o mar escrito”, dixo), co fin de facilitar o
seu traballo localizando o sitio exacto onde podían atopar, no
futuro, as mellores capturas. A toponimia galega, sinalou, “é un
coñecemento creado ao longo de milleiros de anos que cómpre
conservar con todos os recursos dos que dispoñamos”. O académico,
para visualizar a importancia deste patrimonio noso, comparou o caso
galego co de países como Canadá, onde cómpre practicamente
inventar topónimos para rexistrar e humanizar certas áreas do país.
“Nós temos que facer o contrario, recuperar e salvagardar unha
manchea de nomes para lugares en despoboamento”, explicou.
Ferro Ruibal tamén
lembrou que os galegos achegamos hoxe en día a cuarta parte dos
topónimos de todo o ámbito estatal. Ademais, lembrou que aínda
queda moito traballo por facer: “Vendo o recollido e o que fica
pendente por recoller, hai posibilidades de chegarmos á cifra do
millón trescentos mil topónimos galegos”. A respecto da nova
plataforma presentada este luns 27, dixo que “felizmente temos unha
ferramenta que nos leva directos a este coñecemento”, sexa na casa
ou a pé de campo, sós ou en compaña dos fornecedores principais
desta información: os habitantes das aldeas, vilas e cidades onde
hai perdura este íntimo contacto coa contorna. Ferro Ruibal tamén
tivo palabras para recordar que o presentado este 27 de xuño non é
froito dun día: é o resultado de anos e máis anos de esforzos
conxuntos dos nosos investigadores cos habitantes das nosas aldeas,
vilas e cidades.
A rolda de intervencións
pechouna o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen se amosou de
acordo con Ferro Ruibal na importancia da iniciativa tecnolóxica
presentada, en parte polo dito polo académico e en parte, tamén,
porque se trata dun proxecto que cingue o puramente tecnolóxico co
humano. “Os nomes de lugar”, sinalou, “sempre nos serán de
meirande utilidade que as coordenadas xeográficas e tecnolóxicas
para coñecermos a fondo un emprazamento concreto”.
Sinalar por último que
arestora están contabilizados 37.308 topónimos e que, coa entrada
en xogo da microtoponimia, preténdese chegar á devandita cifra dos
1.300.000.
Ningún comentario:
Publicar un comentario