O colectivo estudantil reuniuse con membros dos grupos parlamentarios de AGE, PSdeG e PP para transmitirlles as súas demandas.
ncluír representación estudantil no Consello Galego de Universidades;
a posibilidade de designación directa do presidente do Consello de
Estudantes como representante no Consello Social e a aplicación do prezo
reducido de 20 euros ás materias onde só existe dereito a exame tamén
para as titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior.
Estas son as tres reclamacións principais que os representantes de
estudantes da Universidade de Vigo están a trasladar a diferentes
axentes cos que se veñen reunindo nas últimas semanas, co obxectivo de
mellorar a situación do colectivo que representan, informa a
universidade viguesa.
No marco destas reivindicacións, José Miguel Diéguez, representante de
estudantes no Consello Social da Universidade de Vigo, e Luis González,
representante de estudantes no Consejo de Estudiantes Universitarios del
Estado e presidente do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo,
reuníronse con membros dos grupos parlamentarios de AGE, PSdeG e PP en
Santiago de Compostela. Froito destes encontros, sinalan, Alternativa Galega de Esquerda ten rexistrado varias iniciativas no Parlamento galego atendendo ás súas demandas.“A raíz da comisión para a elaboración dos novos estatutos da Universidade de Vigo xurdiu un debate sobre a participación dos estudantes na toma de decisións, sobre cal ten sido e sobre cal debe ser o noso papel nos órganos colexiados; sobre o impacto de Boloña e sobre como os estudantes estamos presentes nos espazos de debate e decisión sobre o Sistema Universitario”, explican Diéguez e González.
DEMANDAS
Deste debate, indican, xorden dúas das reivindicacións que están a facer. A primeira delas é a inclusión de representantes de estudantes no Consello Galego de Universidades xa que, sinalan, “parece razoable que alí onde se tomen decisións que afectan aos estudantes estes teñan voz e voto para defender os seus intereses como colectivo”. Para acadalo, piden a incorporación dun apartado l) no artigo 58.1 da SUG, para incluír representación estudantil neste órgano. Na actualidade, subliñan, o feito de que o Consello Galego de Universidades non conte con ningún tipo de representación deste colectivo dificulta a comunicación e coordinación coa Xunta así como as súas posibilidades de participación na toma de decisións que lles afectan directamente.
“Que os estudantes teñamos acceso ao Consello Galego de Universidades mellorará a transparencia real do mesmo, máis alá do dinamismo e a democratización inherentes á inclusión de estudantes nos diferentes órganos de decisión”, recalcan. Esta proposta, apuntan os representantes de estudantes, segue a liña de outras lexislacións autonómicas.
A segunda das reivindicacións é a modificación da LOU en relación á elección do representante de estudantes no Consello Social, de modo que se realice unha designación directa do presidente do Consello de Estudantes como representante en Consello Social. Para poder ser designado directamente polo Consello de Estudantes, indican, sería necesario non só modificar o artigo 77.2 da Lei 6/2013 do SUG, senón a LOU, que no seu artigo 14.3 fixa que o estudante membro do Consello Social deberá ser elixido polo Consello de Goberno entre os seus membros. “A nosa petición é que o Parlamento de Galicia aprobe unha proposición non de lei instando ao Congreso a aprobar a modificación de dito artigo, permitindo a aquelas Universidades que conten con Consello de Estudantes que sexa este quen designe ao seu representante no Consello Social”.
PREZOS DAS MATRÍCULAS
Segundo informa a Universidade de Vigo, a terceira petición, comentan os representantes de estudantes, radica na ampliación do concepto de "materia sen docencia" ás titulacións de grao e mestrado, dado que actualmente o Decreto de Prezos Públicos si que contempla este concepto para as materias das licenciaturas.
“Se o prezo da matrícula vai ligado ao tipo de docencia impartida e ten como fundamento cubrir o custe da mesma (laboratorios, prácticas, clases teóricas, etc.) parece razoable que se unha materia unicamente conta con exame non custe o mesmo que unha materia que teñan toda a súa docencia”, sinalan.
Esta situación, engaden, “é posible que se deba a un erro de xestión ou planificación do Plan Boloña, xa que baixo o anterior marco a existencia de materias sen docencia ía ligada a situacións excepcionais como a supresión dun título pero baixo o novo paradigma as continuas revisións das memorias dos títulos e o procesos de acreditación da calidade tenden a provocar modificacións nas memorias que producen este tipo de situacións”.
Neste contexto, advirten de que unha “desviación do custe das matrículas como esta, que afecta a arredor de mil estudantes neste momento só na Universidade de Vigo, é unha pedra máis que lastra o acceso universal aos estudos superiores, ademais de ser contraria á filosofía do Decreto de Prezos Públicos, por non dicir claramente inxusta”, puntualizan José Miguel Diéguez e Luis González.
Ningún comentario:
Publicar un comentario