luns, 20 de xuño de 2016

A CPLP transmite á Xunta que Galiza é "candidata firme" a facer parte desta organización da lusofonía

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explicou na comparecencia no Parlamento que así lle foi trasladado na última xuntanza da Comunidade de Países de Língua Portuguesa.

Galiza é “candidata firme” a facer parte da Comunidade de países de língua portuguesa (CPLP). Así o dixo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na comparecencia no Parlamento. García afirmou que así lle foi transmitido na última xuntanza desta organización do máximo nivel na lusofonía. A CPLP é unha organización internacional formada por países lusófonos, e xuxa finalidade é o "aprofundamento da amizade mútua e da cooperação entre os seus membros". Creouse en 1996 por Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique,Portugal e São Tomé e Príncipe. No ano de 2002 integrouse Timor-Leste.
No debate sobre o 'Estado da autonomía' de 2015, Núñez Feijóo anunciara que o seu goberno ía adoptar medidas para que Galiza “se incorporase” á comunidade de países lusófonos, CPLP
O secretario xeral de Política Lingüística compareceu na Cámara galega para presentar os datos do informe de seguimento desta lei, tal e como a propia normativa establece. Máis de 3.500 persoas estudan portugués en Galiza ao abeiro das medidas activadaspara o cumprimento da Lei Paz-Andrade. García sinalou que no curso 15/16 a materia de Lingua Portuguesa –como segundo idioma estranxeiro– impártese en 60 centros e é cursada por 1.700 alumnos, o que supón case o duplo ca no ano académico anterior.
Ao abeiro do programa de lingua e cultura portuguesa desenvolvido en colaboración co Instituto Camôes, estase apoiando o ensino-aprendizaxe da lingua portuguesa en 10 centros educativos galegos para 495 alumnos. Ademais, neste momento 4 centros educativos imparten un total de 8 sección bilingües en portugués, o que supón arredor de 200 estudantes. Por outra banda, 1.127 persoas cursan esta lingua nas Escolas Oficiais de Idiomas (EOI). Cómpre sinalar que este proceso de ensino-aprendizaxe está apoiado por 4 auxiliares de conversa, que no vindeiro curso 2016/2017 serán 6.

Ningún comentario:

Publicar un comentario