AGE asegura que, en termos relativos, Galicia está "moi lonxe" de ser a comunidade coas matrículas "máis baixas"
A oposición reclamou este mércores no pleno do Parlamento galego unha tarifa de matrícula reducida para todos os estudantes universitarios sen dereito a docencia procedentes das antigas licenciaturas e dos novos graos establecidos polo Espazo Europeo de Educación Superior. Con todo, esta iniciativa non foi aceptada debido ao rexeitamento do PP -39 votos en contra, 33 a favor e ningunha abstención-.Neste sentido, o deputado de AGE e impulsor desta proposición non de lei, Ramón Vázquez, fixo fincapé en que este asunto é "realmente importante" posto que "preocupa moito" ás familias galegas en xeral e aos estudantes en particular. Por iso, condenou a postura do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a este respecto.
E é que sostén que o "slogan" de Feijóo sobre a "conxelación das taxas universitarias" precisa de "certos matices". Deste modo, subliñou que o Goberno galego conxela as taxas na autonomía cos "terceiros salarios máis baixos de todo o Estado" e que, en consecuencia, "en termos relativos está moi lonxe de ser certo" o feito de que a Comunidade galega goza das matrículas "máis baixas".
É máis, asegurou que hai "moitos estudantes" que "non poden facer fronte" ao custo da matrícula, feito que recoñecen, precisou o parlamentario de AGE, as universidades galegas. Por iso, demandou a posta en marcha dunha tarifa de matrícula reducida para os estudantes universitarios sen dereito a docencia que garanta a "equidade" e a "xustiza retributiva".
A continuación, denunciou que "só" na Universidade de Vigo hai "máis de 1.000 estudantes" que cursan titulacións nas que o dereito a docencia é "previsible que desapareza", así como "648 requirimentos por non pagamento".
ECONOMÍA GALEGA, "NON TAN BOIANTE
O parlamentario de AGE tamén destacou que, malia o relato da recuperación, a economía das familias "non é tan boiante". E é que, neste caso en concreto, ao pagamento das taxas universitarias se suma o do "transporte", "aluguer" e "manutención".
Deseguido, cargou contra o Goberno galego por pretender "redirixir" aos mozos cara a titulacións medias, xeralmente Formación Profesional, mentres en Centro Europa se demanda "traballo precario". En contraposición, Ramón Vázquez apostou por "escapar deste enfoque elitista" e confía en que a reclamación dunha tarifa de matrícula reducida para os estudantes universitarios sen dereito a docencia "non repercuta" nos presupostos das universidades galegas.
Á petición dunha tarifa de matrícula reducida sumouse a deputada do PSdeG Concepción Burgo, xa que considera que se trata dunha medida "xusta" e "equitativa". Por esta razón, criticou que haxa materias de grao que se cobren a prezo normal sen ter dereito a docencia, tan só a exame.
Deseguido, asegurou que o sistema de bolsas está a recibir "ataques brutais" por parte do Goberno de Mariano Rajoy. É máis, subliñou que a porcentaxe de alumnos becados en Galicia descendeu "un oito por cento" dende o ano 2011, do mesmo modo que o montante das bolsas, o cal baixou, precisou, "un 24 por cento" na Comunidade galega.
De feito, fixo fincapé en que é "a primeira vez en moitas décadas" que os alumnos "teñen que abandonar a Universidade por falta de medios". Non obstante, esta postura foi rebatida polo Grupo parlamentario popular, que defendeu que "sempre houbo requirimentos por non pagamento", pero que antes "non contaban coa solidariedade e o compromiso" da Xunta e agora si.
BOLSAS COMPLEMENTARIAS
A este respecto, o PP defendeu que o Goberno galego dispón de bolsas complementarias para aqueles alumnos que non cumpren os criterios do Ministerio de Educación ou para os que teñen dificultades en metade do curso. "Estamos na comunidade autónoma cos prezos de matrícula máis baratos do Estado español (...) e pódese dicir en voz alta e clara", asegurou.
De feito, o deputado popular ironizou co "estrago" que, ao seu xuízo, ocasionou a crise económica nas "entendederas" dalgúns deputados. "Non teñen razón ningunha porque non convencen a ninguén", aseverou en alusión aos parlamentarios da oposición.
"Nós damos datos", defendeu o parlamentario popular, xusto antes de precisar que Galicia leva "oito anos seguidos" coas taxas das universidades galegas conxeladas para favorecer que todos os estudantes poidan permanecer no sistema universitario.
Ademais do apoio do PSdeG, avalaron esta proposición non de lei o BNG e o Grupo Mixto. Non obstante, os socialistas presentaron unha emenda co obxectivo de que as universidades galegas sexan compensadas pola Xunta polo descenso de ingresos que a medida defendida lles poida ocasionar, a cal foi aceptada por AGE.
Non obstante, a proposición non de lei impulsada por AGE foi rexeitada con 39 votos en contra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario