Como consecuencia do cese da persoa directora do colexio de educación infantil e primaria do CEIP de Paradai (Lugo), producíronse unha serie de actuacións irregulares nunca vistas por parte do inspector de educación no proceso de nomeamento accidental da nova dirección do centro
Diante da vacante producida pola dimisión
do director del CEIP Paradai de Lugo, o pasado día 31 de maio, o
inspector de educación D. Miguel Callón Fernández convoca unha reunión
do profesorado do centro na que pide voluntarios para o dito cargo,
presentándose para o mesmo tres profesoras. A continuación dítalle ao
profesorado o seu teléfono e correo electrónico para que mediante estes
medios lle comuniquen o seu parecer ou calquera comentario que queiran
facer acerca destas tres profesoras, negándose a comentar nada nese
momento e a realizar unha votación secreta, tal e como lle propuxeron
algúns dos profesores e profesoras presentes.
Acto seguido, o inspector Miguel Callón Fernández cita as
candidatas para que, por separado, acudan ao seu despacho, onde rexeita unha
delas porque non lle gusta o profesorado que esta propón para constituír o equipo
directivo.
O día 10 de xuño, o inspector chama á actual xefa de estudos para que, ás 14:00 horas, reúna o profesorado (só o que no
próximo curso continúe no centro) e para que teña preparada una urna, sen darlle
ningún tipo de explicacións ao respecto. Chegado ese día, entrégalles as papeletas cos nomes de dúas das profesoras candidatas, (descartada, claro está, a mencionada anteriormente) para que elixan unha delas, advertíndolles que a dita votación non era vinculante.
O profesorado, perplexo, vota e, ao rematar, o señor Miguel Callón, inspector de Educación, recolle as papeletas e gárdaas na súa carteira, dicíndolles que xa lles comunicaría por correo electrónico o resultado. Ante as protestas do profesorado por esta insólita actitude e a petición de que se abrisen as papeletas na súa presenza, o señor Miguel Callón diríxese a eles para preguntarlles se non se fiaban del. Como a resposta foi que non, viuse obrigado a abrir as papeletas, que, agás unha, estaban todas en branco.
Ante esta insólita e ditatorial actuación do inspector Miguel Callón Fernández, a CIG-Ensino quere manifestar o seguinte:
- O procedemento para nomear as direccións dos centros, con carácter accidental, vén estabelecido no Decreto 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que no apartado 2 do artigo 17º Nomeamento accidental da dirección recolle o seguinte: “Nos supostos de que se produza o cesamento da dirección durante o curso escolar o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, oído o claustro de profesores e o consello escolar, realizará nomeamento accidental da dirección, ata o 30 de xuño do ano que proceda, incluíndose a vacante no próximo concurso de méritos que se convoque.
- É obvio que a actuación do dito inspector non se axustou en absoluto, nin no fondo nin na forma, ao procedemento estabelecido na normativa vixente, que estabelece claramente os criterios a seguir, xa que todo indica que os primeiros pasos dados ían encamiñados a nomear “a dedo” a unha concelleira do Partido Popular nun concello próximo a Lugo capital, en comisión de servizos por tal motivo no centro neste curso.
- Estamos ante uns feitos e actuacións nepotistas, insólitas e irregulares que máis ben pertencen a épocas pretéritas, moi pretéritas, e absolutamente impropias dunha persoa que desempeña o cargo e a responsabilidade de inspector de Educación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario