mércores, 22 de xuño de 2016

O Dicionario de pronuncia da Lingua Galega renóvase engadindo e corrixindo termos

Estes días soubemos da actualización e mellora do Dicionario de pronuncia da Lingua Galega, un proxecto vivo como a nosa lingua. Os recursos do Dicionario de pronuncia da Lingua Galega, froito da colaboración da AMTEGA e mais o Instituto da Lingua Galega, eran publicados o pasado ano no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia. Indo á actualización deste Dicionario de pronuncia, cómpre informar que vén de achegar 30 novos termos, polo que en total inclúe xa 66.742 ficheiros de son correspondentes a outros tantos modelos de pronuncia.
Con esta actualización, que está dispoñíbel xa para a súa descarga, aproveitouse para corrixir algún dos sons anteriores como: "ibero/a", "celtibero/a", "adenoide", "interoperabilidade" e "San Xiao de Mos". En canto aos engadidos: "acorchetar", "agregador de novidades","arlequinado/a", "bolboretista", "endometriose", "homofobia","mestrado","solleira" etc. Pódese consultar a listaxe completa dos novos termos e os corrixidos na ligazón específica da forxa de Mancomún.
Estes cambios e melloras acaban de actualizarse no proxecto no Repositorio de Software Libre de Galicia. Os novos ficheiros liberados están, igual que os anteriores, en formato aberto ogg e dispoñíbeis baixo licenza libre Creative Commons Atribución-CompartirIgual 4.0 Internacional. Xunto cos mesmos está dispoñíbel tamén unha nova versión da base de datos completa, que recolle tanto os anteriores termos como os novos que se engaden.
Para máis información sobre como facer a actualización pódense consultar as instrucións que acompaña á actualización no ficheiro README na raizame do ficheiro .zip coa actualización.
Trátase dun proxecto de colaboración entre o Instituto da Lingua Galega da USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que está dispoñible para a súa consulta na rede, onde calquera falante que dubide sobre a pronuncia dunha palabra galega pode escribila e pode ver a transcrición fonética e escoitar a pronunciación de dita palabra. Ademais está tamén integrado no dicionario da Real Academia Galega, no que é posíbel consultar a pronuncia de calquera das palabras nel recollidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario