Co remate do curso escolar finalizaron no Colexio Vilas Alborada
(Compostela) e no CEIP A Lomba (Vilagarcía) as actividades de educación
para o desenvolvemento promovidas por Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). Entre elas, o obradoiro de radio para a formación en valores ao que asistiron vinte estudantes de 6º de Primaria, alén doutras accións encadradas no proxecto Escolas sen Racismo, un movemento que agrupa máis de 500 centros educativos de toda Europa.
O obradoiro radiofónico, que se desenvolvía no colexio compostelán por
segundo ano consecutivo, tivo unha duración de dez xornadas, nas que as
rapazas e rapaces aprenderon sobre os xéneros xornalísticos, pero tamén
adquiriron pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de
colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático.
Contribúese deste xeito a formar unha cidadanía con espírito crítico e
construtivo. Esta semana gravouse o programa final, titulado A mirada do Vilas Alborada,
que incorpora unha interesante entrevista a un refuxiado sirio que
residen en Santiago de Compostela. O espazo tamén inclúe un faladoiro
interxeracional con veciñas de San Pedro e unha enquisa de rúa que se
gravou na Feira da Primavera celebrada no barrio.
No centro escolar arousán tamén se gravou esta semana o programa final, que
incorpora unha entrevista á xornalista vilagarciá Montse Fajardo sobre
os seus últimos libros, nos que recupera a memoria histórica das mulleres. O espazo, titulado Lomba FM, tamén inclúe unha singular conversa cunha veciña xorda e mais o conto O mono e o peixe, que convida a reflexionar sobre a interculturalidade.
Canda esta actividade de comunicación para o cambio social, cuxo
resultado poderá escoitarse axiña na canle de Agareso en Ivoox, o
proxecto contemplaba propostas coma xogos interculturais e teatrofórum,
no que se presenta algún conflito cotiá cuxa solución ten que
representar o alumnado. Tamén a exposición Mira Ti, coa que se sensibiliza contra os prexuízos e a discriminación, e os contos Historias que contan, que permiten traballar os estereotipos e a comprensión do outro, ou Por un mundo de cores, dirixido ás nenas e nenos de Educación Infantil. En total, unha decena de centros educativos galegos participaron no último curso da iniciativa Escolas sen racismo, escolas para a paz e o desenvolvemento, que conta co apoio da Xunta de Galicia, co fin de formar na convivencia pacífica, a solidariedade, o respecto e a inclusión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario