martes, 28 de xuño de 2016

Consulta a edición de primavera de CERNA, o número 75!

ADEGA vén de publicar a edición número 75 da Revista Galega de Ecoloxía e Medio Ambiente, CERNA, que recolle máis de 15 artigos relativos a temas como a mudanza climática, litoral, biodiversidade, consumo responsábel, ríos, enerxía ou mobilidade. Cuestións centrais abordadas neste número teñen a ver coas recentes decisións “de urxencia” adoptadas polo goberno estatal en funcións do PP e que afectarán de forma significativa o futuro das nosas rías. A planta de gas de Reganosa en Ferrol ou o complexo pasteiro de ENCE en Lourizán (Pontevedra) gozan da complicidade das administracións estatal e autonómica para consolidar a súa actividade na costa galega. A pretendida legalización de Reganosa e a prórroga de ENCE son temas abordados por esta edición de CERNA, xunto co demoucado legal que experimentou a acuicultura industrial en Galiza nos últimos anos para permitir a instalación indiscriminada de macropiscifactorías de peixe plano. A presión social e, posibelmente, a influencia do momento pre-electoral tumbou a pretensión da Xunta de Feijóo de aprobar unha nova Lei de Acuicultura para Galiza.

Un tema ineludíbel de CERNA 75 é a COP21 e os seus resultados. Expertos galegos avalían o acordo final adoptado por máis de 150 países no último Cumio sobre Cambio climático celebrado en París. Un acordo carente de compromisos vinculantes, aberto ao voluntarismo dos países asinantes, pero moito máis participado que o precedente Protocolo de Quioto. A problemática semella quedar de novo adiada ofrecendo novas visións e expectativas de futuro, que se expoñen nesta publicación.

Por outra banda, a cuestión da biodiversidade en Galiza segue sendo obxecto de análise en CERNA. O especialista no lobo ibérico, Pedro Alonso Iglesias, ofrece a súa interpretación da situación de conservación desta especie singular no Noroeste peninsular, tras a publicación do último censo oficial da especie. Tamén o biólogo Xabier Vázquez Pumariño avalía o estado de conservación da tartaraña cincenta e as causas que están a provocar o seu decaemento Alén disto, presentamos o Proxecto Charaxes de voluntariado ambiental para a preservación da bolboreta dos érbedos no Baixo Miño e a constitución recente do grupo GEMM para a investigación e o estudo do medio mariño galego.

CERNA 75 achégase de novo aos cursos fluviais da man do Petón do Lobo, que nos amosa o Val do río Lourido, e do investigador Jesús Horacio García, quen nos propón unha nova definición de río, máis acorde á súa realidade física e ecolóxica. De volta ao litoral, tamén se analizan as posibilidades de aproveitamento das grandes algas mariñas da costa galega como fonte de biomasa.

E, por último, no terreo da ecoloxía urbana, damos conta dunha proposta para a promoción do uso da bicicleta na cidade de Lugo e das vantaxes que ofrece a compra a granel.

Ligazóns

Ningún comentario:

Publicar un comentario