A Orde de Avaliación de Primaria descobre as mentiras do Conselleiro respecto ás reválidas
Este venres 10 de xuño vén de publicarse no DOG a Orde de avaliación para o alumnado de Primaria, unha normativa chea de contradiccións e que demostra as mentiras que a administración veu difundindo a conta das reválidas.
Esta orde, no seu artigo 2, recolle que "A avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado será continua e global, e terá en conta o seu progreso no conxunto das áreas e na adquisición das competencias clave", o cal é un principio admitido por toda a comunidade educativa, e que debería rexer todo o proceso de avaliación. En diferentes escritos publicados polo STEG insistimos en que as reválidas son todo o contrario desa avaliación continua, global e formativa, xa que a calificación do alumnado depende dunha única proba que, segundo a LOMCE a debería realizar e avaliar persoal externo ao centro e non foi o caso.
Porén, no artigo 6.2 que fala da promoción de curso e etapa, indícase que "Os informes das avaliacións individualizadas de terceiro curso de educación primaria e de final de educación primaria teranse en conta", e no artigo 11.1 tamén sinala que estas mesmas reválidas constitúen un documento de avaliación válido. É dicir, que unha proba que non vai contar na nota media pode ser determinante á hora de se unha alumna ou alumno pode repetir curso.
No STEG queremos lembrar que durante o pasado mes de maio, se bombardeou a diario, ben na prensa, ben mediante a páxina da consellería de educación utilizada como propaganda, con declaracións acerca de que as reválidas non ían influír no expediente académico ou na nota media, polo que as familias deberían tranquilizarse polo seu resultado. Unha mentira tras doutra, tomando por parvos a familias, alumnado e docentes, que viñamos advertindo do pernicioso destas probas.
Incluso o Conselleiro de Educación, en sede parlamentaria, se referiu ás organizacións que fomentabamos o boicot coma irresponsábeis, negativos e demagogos. Quen é o demagogo, señor Conselleiro? Os colectivos que sabemos que estas probas só son válidas para facer unha criba temperá entre alumnado/centros bos e malos? O que utiliza a neolingua para intentar (sen conseguilo) confundir a comunidade educativa para seguir a voz do seu amo o ministro?
Resulta irónico que nin sequera isto fixeron ben, toda vez que o ministerio lle pediu explicacións á Consellería acerca de por que incumpliron a LOMCE no momento en que as probas as realizaban e corrixían docentes do mesmo centro.
No STEG seguimos mantendo que para detectar dificultades no alumnado e mellorar a calidade do ensino público non son precisas as reválidas que con tanto empeño defenden. Sería moito máis efectivo aumentar os cadros docentes, sobre todo no profesorado de apoio, para poder reducir as ratios (a manipulación do dato da ratio máis baixa do estado daría para outro documento), e para que as titoras e titores, que son quen realmente poden coñecer e avaliar ao alumnado, poidan atender moito mellor as dificultades que detecten ao longo do curso.
Por todo isto e máis, dende o STEG esiximos á Consellería:
- Que modifique a Orde de avaliación de primaria para que non recoñeza as reválidas como instrumento de avaliación nin como criterio para a promoción de curso e etapa.
- Que os resultados das reválidas levadas a cabo durante este curso non se comuniquen aos centros nin ás familias, polos efectos tremendamente perniciosos que poderían ter sobre a decisión da promoción ou non do alumnado.
- Que se eliminen as reválidas previstas para o curso que vén, tal e coma fixeron outras comunidades, tendo en conta o incerto panorama electoral e lexislativo que terá lugar nas próximas datas.
- Que, dunha vez por todas, revirta os recortes en materia de persoal e reduza as ratios asi como o gasto da realización das probas, para que o profesorado teña unha maior capacidade real para detectar, corrixir e prever as dificultades que o alumnado poida ter na adquisición das competencias, coidando especialmente a atención á diversidade, contribuíndo a reequilibrar a desigualdade social, non a perpetuala.
Ningún comentario:
Publicar un comentario